Berres reivindícase como berce cultural cunhas xornadas sobre Avelina Valladares no seu ano

DEZA

O programa arranca mañá cunha peza de teatro infantil
23 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A Estrada celebra neste 2025 o Ano Cultural Avelina Valladares e Berres —a súa parroquia de orixe— aproveita para reivindicarse como berce cultural e para dar a coñecer un legado que para moitos aínda é descoñecido.
Con este propósito a asociación cultural O Recuncho da Lingua programou para este mes unha serie de actividades que se desenvolverán no teleclube de Berres, no adro da igrexa parroquial.
O programa foi presentado onte pola presidenta do colectivo O Recuncho da Lingua, Pilar Bernárdez, e pola concelleira estradense de Cultura, Lucía Seoane.
A programación arrancará mañá sábado cunha sesión de teatro infantil. Será ás 17.00 horas. A compañía A cova das letras, de Cristina Collazo, ofrecerá a peza Procúrase Pepa a Loba.
O domingo continuarán as propostas, cunha viaxe no tempo ata o ano 1970. Nesa data dedicóuselle o Día das Letras Galegas ao escritor Marcial Valladares, irmán de Avelina. Daquela os rapaces e rapazas de Berres participaron no acto. O domingo proxectaranse as fotos daquel evento e amosarase a documentación referida a el para rescatar do esquecemento aquela efeméride. Trala proxección comentada haberá unha actuación a cargo das pandereteiras do grupo Tamparrantán e unha pequena mostra sobre o traxe tradicional galego, analizando as similitudes e diferenzas co que no ano 1970 empregaron as rapazas que acudiron á homenaxe a Marcial Valladares vestidas de galegas pola Sección Feminina.
O programa culminará o sábado 31 de maio cunha mesa redonda ás 12.00 horas titulada O legado de Avelina Valladares. O coloquio estará moderado por Chus Nogueira. Intervirán Mari Carmen Ferreirós (unha das herdeiras da familia Valladares e protectora do seu legado), Mabela Castro (directora da biblioteca universitaria da USC), Pablo Bernárdez (músico, mestre e autor do libro A música dos Valladares) e Xesús Domínguez (editor de Galaxia). O acto rematará coa interpretación de dúas pezas saídas do Casal de Vilancosta —a casa familiar dos irmáns Valladares en Berres— e recollidas no volume A música dos Valladares.
Roteiro dramatizado
Pola súa parte, a programación organizada polo Concello con motivo do Ano Cultural Avelina Valladares continuará o día 27 de setembro cun roteiro dramatizado que incluirá visitas á igrexa e ao cemiterio de Berres, a Vilancosta e ao Areal, onde terá lugar un recital da intérprete Isabel Rei de pezas dos Valladares recollidas no Casal de Vilancosta.