Pablo Cacheda: «Medramos pero faltou certa ambición ao final»

Javier Benito
javier benito LALÍN / LA VOZ

DEZA

miguel souto

O técnico do Balonmán Lalín puntúa de seis a tempada, dá por segura a súa renovación e terá a baixa de Juan Lago

07 may 2025 . Actualizado á 05:00 h.

O Balonmán Lalín baixou o pano a unha campaña onde concluíu noveno na liga. Unha tempada de cambios, con entrada de xogadores mozos, onde ademais as lesións afectaron en momentos importantes. Toca valorar o conseguido e o sempre esixente adestrador roxinegro, Pablo Cacheda, puntúa cun seis. Recoñecía onte acabar con sabor agridoce. «Medramos desde o inicio ao remate da liga, pero faltou certa ambición ao final», sentenciaba.

Cacheda argumentaba as súas palabras. Se ata hai un mes a nota podería estar en sete ou oito, un notable por tanto, neses últimos partidos «tiñamos que haber dado máis pasiños adiante, perder o medo os máis novos». Lembra o técnico que en febreiro estiveron incluso a tres ou catro puntos da fase de ascenso, sextos na táboa, pero encadeáronse malos resultados na recta final.

Detrás desas derrotas non se poden esquecer as lesións de xogadores que estaban a ter peso no equipo como Roi Sierra ou Juan Lago. No caso do segundo sumado á vez que necesitou para entrar na dinámica de xogo, tanto a nivel físico como de sistemas, tras unha tempada en branco pola súa estancia no estranxeiro de Erasmus. Ademais, o lateral case con total seguridade non estará na campaña 2025-2026 por estudos, coa preinscrición xa realizada e pendente de confirmar a matrícula nun máster que lle levará ata Madrid.

O adestrador do BM Lalín incidía precisamente en xogadores como Juan, Roi ou Pedro que eran relevantes para dar o salto de calidade cando parecía que se achegaba o equipo para espremer o 100% do seu potencial. Xaneiro e parte de febreiro supuxeron unha dinámica positiva de vitorias que se truncou en boa medida por esas lesións. A outra cara da moeda foi un maior protagonismo para os máis mozos, ningúns no seu primeiro ano de sénior. Pero Cacheda botou en falta deles «un pouco máis de ambición e gañas, de ir a morder cando saltaban á cancha, pero seguro que a experiencia vai servir para o vindeiro ano».

Quixo recoñecer o adestrador lalinense a gran tempada e o paso adiante do porteiro Iago. Se en anos anteriores tocáballe competir con outros compañeiros, «moitas veces perdendo no reparto de minutos», na recentemente concluída resultou clave en moitos partidos para conseguir vitorias. Sumou nomes como os de Roi Sierra ou Adrián Ferradás, ademais de Pedro, no seu caso tamén decimado polas lesións, que provocaron máis intermitencia no seu xogo. O mesmo ocorríalle a veteranos como Ramón, Martín ou Adrián Losón, onde os paróns lles restaron unha maior regularidade.

Agora toca descansar. Á falta duns flocos, Pablo Cacheda dá por segura a súa continuidade un ano máis, tras conversacións coa directiva que pecharía ciclo de mandato con esa próxima tempada. Será a oitava para o adestrador, tras recalar como interino para substituír a Milucho. Tempo onde viviu o ascenso e posterior caída da División de Prata, entre outros fitos importantes para o equipo.