O Concello da Estrada alega á cifra de poboación do INE e cifra en 20.224 os habitantes
DEZA
O Concello da Estrada xa apuntara a posibilidade de alegar tras recibir a comunicación do Instituto Nacional de Estatística (INE) de que contaba cunha poboación oficial de 20.103 habitantes no municipio. O goberno local remitiu unha alegación, tras depurar o padrón, onde estima que hai 20.224 censados, deles, 10.480 mulleres e 9.744 homes.
Desde o departamento municipal de Reto Demográfico resaltaban onte que esa discrepancia en canto aos datos entre INE e Concello resulta habitual nos procesos de revisión anual dos habitantes. Os datos agora remitidos ao organismo estatal resaltan que durante o pasado ano houbo na Estrada un total de 740 altas —377 homes e 363 mulleres— das que 101 foron por nacemento, 447 por cambio de residencia procedentes doutro municipio, 178 altas do estranxeiro e 14 efectuadas de forma automática por intercambio de ficheiro co INE.
Respecto ás baixas, contabilizáronse no 2024 un total de 743, con 356 homes e 387 mulleres. A maioría, con 415, foron por cambios de residencia a outros municipios, sumándose 267 por defunción, 33 por traslados ao estranxeiro, 22 altas indebidas, 4 baixas por caducidade e 2 duplicados. O edil de Reto Demográfico, Manuel Magariños, tamén remarcaba o compromiso do goberno local por activar iniciativas e políticas que «faciliten a retención e atracción de poboación, especialmente centradas na mocidade, na vivenda e no emprego, co obxectivo de converter A Estrada nun lugar atractivo para vivir e desenvolver proxectos persoais e profeseionais».