Silleda ofrece ao Xacobeo unha leira en Chapa como alternativa ao albergue da Bandeira
DEZA

O Concello acusou o organismo de deslealdade institucional e asegurou manter reunións sobre o estado do centro
14 abr 2025 . Actualizado á 05:00 h.O Concello de Silleda saíu ao paso das declaracións realizadas por Turismo de Galicia en relación coa situación do albergue da Bandeira, sobre o que pesa unha orde de desafiuzamento adoptada polo Xulgado de Lalín. Nunha carta enviada á alcaldesa, o director da Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo solicitaba ao Concello máis información sobre esta situación, mostrando a súa preocupación respecto diso. Así mesmo, tamén advertía ao goberno local que debían ceder unha parcela de iguais características en caso de incumprir o convenio.
Noutra misiva, o Concello de Silleda acusou o organismo de «deslealdade institucional», lembrando que mantiveron catro reunións nas que trataron este asunto, incluso formulando varias alternativas para desatascar a situación. «Ademais, mantivemos unha conversa telefónica o mesmo día no que a noticia foi publicada nos medios», sinalan. Tamén aseguran solicitar unha coordinación conxunta «recibindo como resposta o silencio».
O goberno silledense reiterou que o conflito coa propietaria do albergue ten a súa orixe na discrepancia coa cualificación urbanística da parcela tras o PXOM. «Como parte integrante do proceso xudicial, teñen vostedes acceso a todos os informes presentados por este Concello no xulgado», engaden.
Solucións rexeitadas
O Concello asegura trasladar solucións para resolver o conflito que foron rexeitadas. «Incluían o pago dun alugueiro por parte do Xacobeo ou de ambas administracións. Esta proposta, inicialmente solicitada pola propietaria, foi rexeitada por vostede, argumentado que non se ía pagar nada ao consideralo un chantaxe, dado o próximo remate do convenio, e que pouco importaba que a propietaria acudise ao xulgado», expresan na carta dirixida a Ildefonso da Campa, director da sociedade.
Neste sentido, afirman que mantiveron ata tres reunións máis con propostas rexeitadas. Unha delas consistía en recuperar o cámping de Medelo como albergue, cun sistema de transporte para peregrinos desde A Bandeira. O Concello reitera na misiva a súa disposición para buscar unha solución «consensuada para evitar ou desmantelamento da instalación».
Tamén afirman que ao ser propiedade do Xacobeo, deben ser eles quen o desmonte, asumindo o custo, sendo «obriga do Concello devolver o terreo nas mesmas condicións nas que foi entregado pola propietaria».
Espazos
A pesar do desacordo, desde o goberno local ofrecen varias alternativas. A principal, unha leira xunto ao Camino en Chapa «cuxo propietario, logo de ver na prensa que ía desaparecer este servizo público, está disposto a doala para a instalación do albergue». Así mesmo, brindan outras opcións no centro urbano da Bandeira, onde hai propietarios dispostos a vender.
Piden a limpeza e reparación das instalacións
O goberno municipal Silleda aproveitou a carta para, a fin de evitar o que sucede no cámping de Medelo, anunciar que iniciarán un procedemento formal de reclamación da limpeza e reparación das instalacións para dar cumprimento á normativa contra incendios. «Non queremos ter ningún tipo de responsabilidade ante calquera dano a persoas ou bens que accedan ao recinto, e non confiamos, como ata ou momento, dá boa fe e intención do Xacobeo», advirten.