Os herdeiros asinaron a cesión de cadros e esculturas ao museo estradense
01 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A casa dos escritores Marcial e Avelina Valladares en Vilancosta, na parroquia estradense de Berres, é un auténtico museo privado. O casal foi berce do Rexurdimento e epicentro cultural de Galicia na segunda metade do século XIX. Marcial foi autor do primeiro dicionario de galego e da primeira novela en galego e Avelina foi unha muller adiantada á súa época que escribía artigos na prensa, algo impensable na época.
A casa dos Valladares é un tesouro en si mesma, coa súa galería desde a que se divisa o Pico Sacro, a súa lareira de catro metros cadrados ou o seu antigo lagar. Pero ademais agocha entre as súas paredes un valioso legado de obxectos que falan da historia das sagas familiares que foron ostentando a propiedade: os Núñez, os Valladares e os Espinosa.
Parte dese legado estará pronto ao alcance de todos grazas á xenerosidade dos herdeiros, que onte asinaron a cesión gratuíta ao Museo do Pobo Estradense Manuel Reimóndez Portela de catorce pezas, en calidade de depósito. As pezas, destinadas ao seu estudo e exposición, son, na súa maioría, retratos familiares. Tres deles son retratos ao óleo do pintor zamorano Laureano Sanz. Dous son os retratos dos pais de Marcial e Avelina Valladares —Xosé Dionisio Valladares Gómez e Concepción Núñez Morciego— e o outro do escritor Marcial Valladares Núñez. A colección cedida ao museo estradense inclúe ademais un retrato ao lapis carbón do seu irmá Serxio Valladares Núñez.
O lote inclúe tamén dous retratos ao óleo firmados por Lino Cabezas Gelabert de Laurentino Espinosa Valladares e Xosé Espinosa Cervela e un retrato ao pastel de Carlos Ferreirós Espinosa asinado por Albina Ferreirós Espinosa (1991), completando así a galería de sucesivos herdeiros da propiedade de Vilancosta.
Un debuxo feito por Avelina
De Avelina Valladares non se conserva ningún tipo de retrato. Sen embargo, a colección cedida ao museo inclúe dous obxectos vinculados a ela: un debuxo a lapis sobre papel de catro cabezas femininas asinado por ela e un colgante tallado en madeira de buxo por Jaime Luces coa inscrición: «A mi querida tía Avelina».
Forman parte da doazón tamén tres pezas que se atopaban no oratorio privado do casal: un Cristo crucificado de boa factura que podería ser dalgún escultor da escola de Ferreiro ou Gambino e dúas tallas populares da Virxe da Guía —da que a familia era moi devota— e de San Antonio.
Completan o legado unha fotografía familiar de Concepción Cervela, María del Carmen Espinosa, Albina Espinosa y Laurentino Espinosa e outra fotografía enmarcada realizada sobre seda de Luísa e Isabel Valladares Núñez, que chegará proximamente á Estrada, xa que agora se atopa cedida temporalmente ao Museo de Pontevedra para unha exposición.
A cesión dos cadros de Castelao, aínda pendente
O Concello da Estrada negociou tamén co Recreo Cultural da Estrada a cesión ao Museo do Pobo Estradense de dous cadros de Castelao —Cego na romería (1913) e Moza con cabuxa (1914)— e de un de Xesús Corredoyra —Cega Palatina (1914)—. Os socios aprobaran en asamblea cedelos ao Concello da Estrada ou ao Museo de Pontevedra. O Concello ofreceuse a conservar e expoñer os cadros para que se cumpra a vontade de Castelao de que queden na Estrada. Agora falta o veredicto final dos socios.
A sala mantén a previsión de abrir ao público no segundo semestre deste ano
A sinatura do documento de cesión tivo lugar este venres na Casa das Letras, nun acto no que estiveron o director do Museo Manuel Reimóndez Portela, Juan Andrés Fernández Castro; Enrique Otero; o alcalde estradense, Gonzalo Louzao, e Mari Carmen Ferreirós Domínguez como representante dos herdeiros do casal de Vilancosta. O legado é propiedade dela e dos seus irmáns Carlos, Xoaquín e Xosé Manuel.
Mari Carmen trasladou o desexo dos propietarios de que os obxectos cedidos queden na Estrada e poidan ser desfrutados por todos os veciños. Esperan que sirvan de estímulo para iniciativas de índole literaria, histórica e cultural en torno á casa de Vilancosta e a familia Valladares.
Pola súa parte, o director do Museo subliñou a xenerosidade da familia e destacou que o casal de Vilancosta sempre irradiou cultura e segue a facelo. Lembrou que, aparte das conocidas facetas literarias de Marcial e Avelina, outro membros da familia colaboraron na elaboración do mapa científico de Domingo Fontán ou o diccionario xeográfico de Pascual Madoz.
O alcalde estradense comentou que xa está rematado o proxecto de mellora e acondicionamiento do Museo Reimóndez Portela, que terá un custe de preto de 50.000 euros, e asegurou que xa hai fondos para acometer as obras. Segundo indicou, mantéñense as previsións de reabrir o museo, que estivo 15 anos pechado, no segundo semestre deste ano. A exposición da doazón coincidiría así coa celebración do Ano Avelina Valladares.
Segundo o contrato de cesión, a familia procedería á retrocesión dos bens no caso de que no prazo dun ano non estivesen plenamente integrados no museo.