Francisco Vidal Blanco, Premio Anisia Miranda con «O dedo e os monstros»

La Voz LALÍN / LA VOZ

DEZA

Francisco Ant. Vidal
Francisco Ant. Vidal MARCOS CREO

O escritor de Palmeira recollerá o galardón o vindeiro venres

16 may 2024 . Actualizado á 20:44 h.

A obra O dedo e os monstros, de Francisco Antonio Vidal Blanco, obtivo o Premio Anisia Miranda de Teatro para a Infancia otourgado pola Fundación Neira Vilas. O acto de entrega do galardón terá lugar na sede da fundación en Gres, no Concello de Vila de Cruces, o vindeiro 25 de maio, ás 19.00 horas. Ese día, dentro do acto, presentarase tamén o volume premiado na edición anterior que foi Medo me dá, de Ramón Domínguez Veiga, e que foi editado por Embora,

O xurado estivo composto este ano por os membros do Padroado da Fundación Neira Vilas Pilar Sampedro e Miguel Anxo Fernán Vello, aos que se sumou o dramaturgo e membro da Real Academia Galega Euloxio R. Ruibal.

Este destacou da obra premiada, fundamentalmente, a mestría da súa construción dramática e a habilidade na elaboración dos diálogos a través de frases curtas que, din, axilizan o texto e outorgan dinamismo e diversión. Tamén salientaron, apuntan, «o feito de por en valor a diversidade e a diferenza entre os iguais a través da metáfora dos dedos, polo recurso de tradicións como as adiviñas e a sortes».

Francisco Antonio Vidal Blanco (Palmeira, Ribeira, 1957) posúe unha traxectoria literaria consolidada. No 2021 obtivo o Premio Laudamuco para textos teatrais do Concello de Brión, coa obra A vinganza de Fortimbras e no 2003 recibiu o Premio Avilés de Taramancos de Relatos de Aventuras por O botín da inmortalidade.

Unhas obras ás que se suman, no ámbito do ensaio, as súas achegas á obra de Murguía con Manuel Murguía (1999), Textos en galego de Murguía (2000) e Murguía, as letras e a historia (2000) e novelas como Os pecados capitais (2007) e As deusas do calvario (2010).

O premio, que recorda e honra a figura da escritora Anisia Miranda, conta coa colaboración da Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galicia. O acto da entrega é aberto á participación do público en xeral que queira achegarse ata a sede da fundación en Gres.