A Estrada acolle a cita de bádminton «máis grande que se fixo nunca en España»

David Cofán Mazás
David Cofán A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

D. C.

O Nacional sénior reunirá esta fin de semana a 329 xogadores de 97 equipos

01 may 2024 . Actualizado á 05:00 h.

O pavillón Coto Ferreiro acolle de venres a domingo «o evento de bádminton máis grande que se fixo nunca en España» co Campionato Nacional sénior que reunirá a 329 deportistas de case un centenar de clubs de todo o país. A Federación Española concedeu a organización desta competición ao Bádminton A Estrada polo seu 30 aniversario, o mellor recoñecemento posible para unha traxectoria infestada de éxitos. O seu presidente, Jesús Pereiro, presentou o campionato acompañado por Rodrigo Sanjurjo, presidente da Federación Galega, Gonzalo Louzao, alcalde da Estrada, e o xefe provincial de Deportes da Xunta, Daniel Benavides.

«Batimos o récord de participación histórica nun campionato de bádminton. Disputaranse máis de 400 partidos en todo o finde, animamos á xente da Estrada a que vaia ver bádminton e o coñezan en primeira persoa», destacou Pereiro. «Será un fervedoiro de xente porque virán moitas familias», engadiu Louzao, quen recalcou a aposta do goberno local polo deporte. Así mesmo, sinalou que a competición se desenvolverá nas nove pistas de xogo do pavillón.

Os representantes locais serán Alejandro Penas e Raquel Miguens. Esta última é unha das grandes protagonistas do Campionato de España, favorita para revalidar o título na casa. «Regresa á súa casa e nos fai moita ilusión que sexa coa camiseta do club que a viu nacer. Será a nosa baza local nesta importante convocatoria», indicou o rexedor. Pola súa banda, Sanjurjo sinalou que Miguens chega coa bitola de favorita. «É unha campioa, pasou unha época difícil e só vela xogar xa é unha marabilla. É unha referente non só por ser boa, senón pola constancia», afirmou.

Impacto económico

A chegada dunha competición destas características ten importancia non só no apartado deportivo, se non tamén no económico. Durante os tres días de torneo A Estrada encherase de visitantes, o que repercutirá na hostalería e o comercio local. Jesús Pereiro cifrou entre 80.000 e 100.000 euros o retorno para o municipio «facendo unha estimación moi conservadora».

O presidente do Bádminton A Estrada reivindicou o papel deste campionato «beneficioso para o deporte, para a imaxe da Estrada e para a economía local». Neste sentido, Sanjurjo apuntou que a localidade «está a lume de biqueira de aloxamento», incluídos concellos limítrofes como Cuntis e Santiago. Os organizadores calculan que a ocupación hostaleira esta fin de semana pasa o 95%.

O terceiro club máis laureado do país nos últimos 20 anos

A Estrada é sinónimo de bádminton e iso é, principalmente, grazas ao traballo do club local e ao apoio dos sucesivos gobernos municipais. «A Estrada soa como un verdadeiro viveiro de xogadores de bádminton a nivel nacional. Nos últimos 20 anos o club converteuse no terceiro máis laureado do bádminton español con máis de 200 medallas en campionatos de España», afirmou o presidente da Federación Galega e ex responsable do conxunto estradense.

«No 2022 conseguimos un Campionato de Europa, unha xogadora clasificouse para os Xogos Olímpicos da Mocidade e instalouse o Centro Nacional de Tecnificación na Estrada», repasou Sanjurjo no seu regreso á que un día foi a súa casa. «Desde que cheguei hai 24 anos todo foi colaboración por parte do concello, dá igual a ideoloxía. O apoio de todos foi extraordinario, era coma se fose o adestrador do Real Madrid. Levo un gran recordo da Estrada e estou feliz de volver cun evento deste tipo», declarou.

Finalmente, Benavides enxalzou o traballo do club cualificándoos de «visionarios» pola chegada do centro de tecnificación e destacou a «sensibilidade especial» do Concello con calquera disciplina deportiva.

Felicitación de Felipe VI polo 30 aniversario do conxunto estradense

Pereiro sinalou na comparecencia que o club estradense recibiu unha felicitación moi especial polo seu 30 aniversario. Nin máis nin menos que o rei, Felipe VI. «É algo que fai ilusión, non é nada habitual», comentou o presidente do Bádminton A Estrada. Toda unha honra para un dos equipos máis laureados do país.