Iziar Barcala e Darío Míguez pon ao Bádminton A Estrada no máis alto do podio

La Voz A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

cedida

29 abr 2024 . Actualizado á 19:42 h.

Nova fin de semana de éxito para o Bádminton A Estrada. O conxunto estradense, que esta fin de semana será o anfitrión do Campionato de España que se celebrará no Coto Ferreiro, conquistou catro medallas (tres de ouro e unha de bronce) nas diferentes competicións nas que tivo representación. Iziar Barcala e Darío Míguez foron os encargados de levar ao conxunto local todo o máis alto do podio.

Darío Míguez participou no TTR de Asturias en categoría sub-17. O deportista estradense gañou dúas medallas de ouro tanto en individual como en dobres. Na cita de Langreo acadou a primeira posición en dobres masculino xunto a Pablo Albores, do Ravachol. Tras superar a fase de grupos como primeiros, accederon á final, onde superaron a unha parella ovetense por 21-10 e 21-8. Ademais, en individual Darío arrasou, chegando á final sen ceder nin un só set. No duelo polo título derrotou a Gonzalo Álvarez por 21-4 e 21-9.

Top Máster sub-19

Pola súa banda, Iziar Barcala e Rubén Comerón participaron no Top Máster Nº1 sub-19, celebrado en Huelva. Comerón competiu na modalidade de dobres xunto a Raúl Bergua, do Ravachol, pero non tiveron sorte e caeron en primeira rolda. Máis lonxe chegou Barcala, que conseguiu a medalla de bronce en dobres feminino xunto a Carmen Carro, tamén do club pontevedrés.

Na modalidade individual avanzou á gran final tras derrotar a Carla Hernán, Ángela Jiménez e Marta Calvo. No último chanzo enfrontouse precisamente á súa compañeira de dobres, Carmen Carro. Iziar Barcala impúxose por 21-9 e 21-11, proclamándose campioa dun torneo sub-19 de máximo nivel a pesar de ser aínda unha xogadora de categoría sub-17.