Lalín activa o plan de loita contra a velutina coa distribución de 284 trampas

d. cofán LALÍN / LA VOZ

DEZA

cedida

A repartición farase en función dos avisos recibidos polo Seaga

20 abr 2024 . Actualizado ás 21:31 h.

As avespas asiáticas convertéronse nunha das principais preocupacións para os habitantes das comarcas nos últimos anos. Os concellos están a levar a cabo medidas cada vez máis estritas para evitar a súa proliferación. Un dos máis activos na loita contra a velutina é o Concello de Lalín, que acaba de activar o plan de medidas contra este tipo de avespas. O goberno lalinense adheriuse ao convenio de colaboración que conforman a Xunta e o Fegamp, no que están outros municipios da zona como Silleda, nun novo paso para mellorar os métodos de captura.

O edil de Seguridade Cidadá e encargado de Protección Civil, Pablo Areán, e o concelleiro de Agricultura, Marcos Mariño, están coordinando as actuacións sinaladas no devandito plan. En total van distribuír 284 trampas que entregou o Seaga e que «forman parte do programa piloto de trampeo da avespa velutina que, como novidade, pon en funcionamento este ano a Xunta», indicou Areán. Para coñecer ao detalle o programa autonómico, asistiron a unha xornada de presentación que tivo lugar na Escola Galega de Administración Pública (EGAP).

O procedemento de entrega comezará nos próximos días e repartirase ás parroquias en función do número de avisos que recibise o Seaga durante o ano pasado «e que se deberán xeorreferenciar na aplicación facilitada pola Xunta ao Concello», explicou. «A distribución non se realiza de xeito aleatorio, senón que atendendo ao plan da Xunta, colocaranse en cada lugar un número determinado de trampas», engadiu. Os datos obtidos serán útiles para determinar futuras accións contra as avespas asiáticas.

Por outra banda, o Concello organizará unha serie de charlas sobre autoprotección e xestión de accidentes no fogar. Haberá un módulo específico sobre medidas preventivas contra as velutinas que serán impartidas por persoal de Emerxencias de Lalín en datas aínda por confirmar.

Proliferación de niños

O equipo de Emerxencias de Lalín retirou no 2023 cinco veces máis niños que os contabilizados o ano anterior. Superaron os 130 no municipio dezán, a maior parte detectados en 26 parroquias diferentes. No entanto, hai zonas nas que a presenza de velutinas foi máis notable, por exemplo en Cangas, Cercio e Donramiro. No centro urbano retiraron 17, aumentando de forma considerable o número de avisos. Ademais do GES de Lalín, os Bombeiros tamén aumentaron o número de actuacións.