O Estradense volve meterse en problemas ao perder con Arteixo

DEZA

miguel souto

Os coruñeses mostráronse máis eficaces en ataque e gañaron 0-2

14 abr 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

O Atlético Arteixo agreou a festa onte ao Estradense, cunha vitoria previa á Gala Anual do club. Os rojillos encadearon a súa segunda derrota consecutiva tras este 0-2, despois de perder a semana pasada ante o Somozas por 3-0. Cinco goles recibidos en dous partidos que sin duda xerarán preocupación extra, posto que non se logrou puntuar. Cando parecía que se miraba cara arriba tras dúas vitorias, de novo ao conxunto adestrado por David Páez tocaralle remar nos cinco choques restantes porque de novo están preto dos postos de descenso, en espera de que hoxe se complete a xornada de liga en Terceira.

Os estradenses intentaron dominar de inicio o choque ante un rival que marcha arriba na táboa clasificatoria. Houbo algunhas aproximacións á portería do Atlético Arteixo, pero sería o conxunto visitante o que se adiantaba por 0-1 no minuto 17 por mediación de Rivas. Os locais intentaron reaccionar sen éxito, con algunha oportunidade para igualar antes do descanso.

Tras a continuación o Estradense quixo reverter a situación, pero atopouse pronto co segundo gol en contra. Cañizares no minuto 53 conseguía o 0-2 que xa puña costa arriba o choque para os rojillos. Ademais chegaba tras senllas ocasións de empatar. Os coruñeses mostráronse máis eficaces en ataque, sen que os locais puidesen aproveitar as súas ocasións aínda que non deixaron de intentalo ata o final. A afección respondeu de novo pero non se logrou puntuar.

O apoio da afección resultou insuficiente

O público respondeu o adianto da xornada ligueira, con numerosos afeccionados nas bancadas do Novo Campo. O seu apoio non resultou suficiente para que o equipo cultivase unha vitoria ante o Atlético Arteixo. Despois tocou desprazarse ata o Pazo de Xerlís onde unhas 250 persoas asistiron á Gala Anual, nunha edición onde se tributou homenaxe especial ás mulleres socias da entidade rojilla.