Primeira subida en 20 anos do padrón estradense, que suma 20.128 veciños

Rocío García Martínez
Rocío García A Estrada / LA VOZ

DEZA

miguel souto

As cifras oficiais do INE reflicten un incremento de 51 habitantes en 2023

23 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello da Estrada respira aliviado. O Instituto Nacional de Estatística (INE) acaba de remitirlle a súa proposta de cifra de poboación a 1 de xaneiro do 2024 e esta acada os 20.128 veciños. A alegría é dobre. Por unha banda, pásanse amplamente os 20.000 habitantes, afastando a pantasma dunha baixada de categoría que tería graves prexuízos económicos para o Concello estradense. Por outra, detéctase por primeira vez en moito tempo unha tendencia á alza da poboación do municipio.

Comparando a proposta de cifra de poboación remitida polo INE este mes de marzo (referida ao 1 de xaneiro do 2024) coa remitida hai un ano (referida ao 1 de xaneiro do 2023) pódese apreciar un incremento de 51 habitantes, pasándose dos 20.077 habitantes propostos entón aos 21.128 actuais.

Certo é que esta proposta de cifra de poboación é iso, unha proposta, e polo tanto non é definitiva. No entanto, segundo explica o alcalde estradense, José López, a partir desta proposta, o Concello pode remitir documentación para xustificar altas do padrón que ao INE non lle constan. «Adoita haber algunhas variacións, pero sempre en positivo», explica López.

O proceso de elaboración do censo oficial é o seguinte: o Concello comunica ao INE a cifra de habitantes que, en función das variacións mensuais, figuran no seu padrón municipal ao pechar o ano. Cotejando esta cifra cos seus propios datos o INE remite en marzo a súa proposta de cifra de poboación a 1 de xaneiro. Daquela o Concello ten un prazo para presentar a documentación actualizada que avala a súa cifra. Con ela en man, o INE volve facer axustes e fixa definitivamente a cifra de poboación do municipio a 1 de xaneiro..

Nesta ocasión, o censo que manexa o Concello sumaba a 31 de decembro do 2023 un total de 20.240 habitantes. A proposta de cifra de poboación remitida polo INE foi de 20.128 habitantes. No entanto, no 2023 a cifra provisional admitida polo INE en marzo eran 20.077 habitantes e a definitiva foi de 20.081, co que o Concello da Estrada aínda confía en sumar uns cantos habitantes máis aos 20.128 que agora xa recoñece de entrada o INE.

O alcalde estradense subliñou este venres a importancia do novo dato. «É a primeira vez nos últimos 20 anos que se dá un cambio de tendencia poboacional e gañamos habitantes en lugar de perdelos, concretamente 51», explica. Pero López non se quere durmir nos loureiros. «Pese ao bo dato, o que está claro é que o contexto é complicado, xa que estamos a ter máis do dobre de defuncións anuais que de nacementos. Temos unhas 300 defuncións ao ano e os nacementos tocando fondo, cuns 120 ao ano», explica.

O alcalde estradense cita tres cuestiones que están a axudar a manter a poboación estradense: o retorno de emigrantes de Sudamérica, sobre todo de Venezuela e Arxentina; os veciños que chegan desde outras localidades e as campañas de empadroamento, «que están tendo un efecto importante». Segundo explica López, desde o departamento de Estatística realízase un labor diario para sensibilizar aos residentes da importancia de estar censados. Isto unido ás campañas de información a domicilio e á Baby Box (que non incentiva a natalidade pero si a decisión de empadroarse na Estrada) están a axudar a frear o despoboamento. «Notouse un cambio de tendencia e queremos seguir nesa liña», di López disposto a non baixar a garda. «Nos próximos días imos convocar a Comisión do Reto Demográfico para reforzar estas políticas de incremento do censo. As cifras pódense mellorar e xa temos previstas novas iniciativas que se presentarán nos próximos días», avanza José López.