Pichel insta ao PP a paralizar os seus intentos de bloquear os servizos sociais

La Voz A Estrada / LA VOZ

DEZA

17 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

A alcaldesa socialista de Forcarei, Verónica Pichel, pediu onte aos edís do PP que paralicen os seus intentos de bloquear os servizos sociais municipais. Rogou encarecidamente aos populares «que paren coa absurda campaña de presión que montaron, deixen traballar á xente e non intenten amedrentar a unha persoa que está a facer un excelente traballo».

Defende a rexedora o labor da nova traballadora social, que se incorporou o 30 de xaneiro. Apuntou por exemplo que todas as horas de dependencia outorgadas pola Xunta ao Concello, 1.485 mensuais, están asignadas e sen que ningunha persoa con grao tres estea en lista de espera. Acusou ao PP de mentir sobre o funcionamento de servizos sociais aludindo a irregularidades ou incumprimentos de normativa e horario, considerando que «o seu único empeño é por bloquear absolutamente todo».

Desde a incorporación da nova traballadora social o 30 de xaneiro asignáronse as 240 horas pendentes para dependencia, con prioridade para as persoas con grao tres. Tamén, dixo a alcaldesa, atendeuse polo menos unha vez a todas as persoas en espera de cita con Servizos Sociais.