Contas alerta de deficiencias en contratos feitos na pandemia

d. c. LALÍN / LA VOZ

DEZA

Miguel souto

Detectou irregularidades en todos os concellos fóra de Lalín e Dozón

17 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

O Consello de Contas aprobou e remitiu recentemente ao Parlamento un informe no que analiza cal foi o grao de cumprimento das distintas entidades locais de Galicia en canto aos deberes de remisión en materia de contratos, así como os acordos contrarios a reparos e expedientes con omisión de fiscalización previa. Un traballo de verificación no que analizaron a documentación relativa aos exercicios 2019 e 2020, incluíndo a contratación tramitada pola vía de urxencia a raíz do estalido da pandemia.

A nivel xeral aprecia «importantes deficiencias» nos contratos realizados polas entidades durante esta época. Entre elas observa irregularidades nalgúns expedientes postos en marcha polos concellos das comarcas de Deza e Tabeirós. Os únicos que non aparecen no informe son os de Lalín e Dozón. O resto dos gobernos locais son mencionados advertindo de malas praxes na contratación.

Algúns, como o Concello da Estrada, unicamente aparece na listaxe de entidades que resolveron as discrepancias formuladas pola Intervención a través dun órgano distinto do pleno ou a presidencia. Xa que logo, sinala que estas foron liquidadas por órganos que carecen de competencia formal. Na relación de concellos que incorreron neste tipo de irregularidades atópanse os de Vila de Cruces e Silleda.

O goberno cruceño é protagonista no apartado de alegacións. Antes da publicación do informe, Contas deu un prazo de 15 días para que os municipios presentasen alegacións sobre o contido do documento. O Concello de Vila de Cruces achegou na súa alegación a relación de contratos e convenios dos exercicios 2019 e 2020.

Fóra de prazo

O Consello de Contas non deu por válida esta reclamación «ao non cumprir co requisito de remisión obrigada pola PRCEL. Xa que logo, a alegación non supón «a modificación do texto do informe nin a inclusión da documentación do concello en feitos posteriores».

Ademais, inclúe a Vila de Cruces entre os concellos que non cumpriron co prazo de remisión establecido na normativa dos expedientes de convenios cun importe superior a 600.000 euros.

Agolada, Forcarei e Rodeiro

Entre as entidades que non remitiron a relación de contratos no 2019 e tampouco no 2020 atópanse Agolada, Forcarei e Rodeiro. O Consello de Contas expón na parte final do documento aqueles concellos, deputacións ou mancomunidades que non trasladaron información de control interno nos devanditos anos. No 2019 non o fixeron Forcarei e Agolada, mentres que no 2020 a estes concellos únese o de Rodeiro.

Xunto a eles figura o Concello de Silleda no apartado da non remisión dos distintos contratos no período seleccionado para o seu labor de fiscalización.

Omisión de trámites esenciais en sete expedientes de Silleda

Para a realización deste traballo de fiscalización levaron a cabo unha mostraxe de expedientes comunicados que foron obxecto dunha análise en detalle. Sete deles pertencen ao Concello de Silleda e están aglutinados nun conxunto de acordos contrarios a reparos que «teñen por causa unha nulidade de pleno dereito, que se tramitaron como recoñecemento extraxudicial de crédito e nos que o interventor aprecia indicio de responsabilidade contable».

Son contratos revisados con data de 2019 e un importe total de 290.676 euros. Na súa análise, aúnan cinco expedientes de reparos suspensivos de facturas nas que aprecia irregularidades comúns, como que se trata de servizos ou subministracións «que polo seu carácter periódico deben ser licitados» e que devanditos contratos «están finalizados, polo que procede o inicio dunha nova contratación». Aínda que existe un concurso de proxectos válido para adxudicar un contrato menor, a suma do proxecto e anteproxecto excede o límite e a adxudicación non pode considerarse válida.

En relación cos restantes expedientes, detecta a falta de requisitos como o «incumprimento da normativa contractual ao non constar o procedemento de adxudicación».

Sinala que a Mancomunidade Terras do Deza incumpriu o deber de remisión

O informe do Consello de Contas pon de manifesto algunhas irregularidades cometidas non só polos concellos, se non polas mancomunidades. Entre as 17 entidades ás que afea o seu xeito de proceder atópase a Mancomunidade Terras do Deza. O órgano autonómico declara que entre o 2019 e o 2020 incumpriu «sistematicamente» co deber de remisión dos contratos realizados. Explica que no que respecta ás mancomunidades, só o 50 % dos órganos de intervención das mesmas remiten a información do control interno.

Na listaxe de entidades que non remiten a relación de contratos figura Terras do Deza no 2019 e no 2020. A mancomunidade tamén aparece na relación de órganos que non remiten a información de control interno.