Comisións denuncia a retirada das pancartas contra Pichel polo conflito laboral

d. cofán A Estrada / LA VOZ

DEZA

Cedida

24 feb 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Comisións Obreiras (CC.OO.) mostrou a súa indignación pola retirada das pancartas colocadas contra a alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel, polo conflito do persoal laboral do Concello. O secretario de Organización de CC.OO., José Luis García Pedrosa, explicou que o goberno municipal presentou ante a Subdelegación do Goberno unha denuncia pola colocación de dúas novas pancartas no centro de Forcarei e en Soutelo de Montes despois de retirar unha primeira días antes.

O sindicato tamén presentou ante a Garda Civil unha denuncia que non prosperou pola retirada da pancarta, o que consideran unha «vulneración do dereito á liberdade de expresión». Neste sentido aseguran que mentres colocaban os carteis presentouse ao lugar a concelleira socialista Ana Doval «sacando fotos a nós e ao cartel e en actitude intimidatoria».

Acusan o goberno do PSOE de ter «o mesmo comportamento que a extrema dereita» e denuncian o «uso das institucións por parte do Concello e a Subdelegación para impedir que esta reivindicación laboral sexa coñecida». Por outra banda, consideran unha «falta do respecto» as declaracións de Pichel nas que acusaba o sindicato de ser «amigo do PP». Neste sentido, lembraron o contencioso presentado contra o Concello da Estrada polos orzamentos.

Seguirán coa campaña

En canto ao conflito laboral no Concello solicitaron a convocatoria dunha mesa de negociación cos sindicatos para fixar un calendario laborar. A pesar da denuncia, Pedrosa afirmou que continuarán coa pegada de carteis co mesmo mensaxe en todas as parroquias e asegurou que non van a «deixar tirados aos traballadores».

Detallou que se esta situación non se resolve presentarán unha demanda para efectuar a negociación e seguirán coa campaña informativa. Aínda que din non ter intención de manter o conflito, se nada cambia «non descartamos mobilizacións diante do Concello».