O 2023 saldouse con tres falecidos en 573 accidentes ocorridos na zona

Javier Benito
javier benito LALÍN, A Estrada / LA VOZ

DEZA

Cedida

A cifra de mortes reduciuse en dous terzos e tamén baixaron os sinistros

10 feb 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Coa normalización xa da circulación habitual de vehículos o pasado ano, xa constatada case de forma total no 2022 tras deixarse atrás a redución da mobilidade xerada pola pandemia. A pesar dos altos prezos do combustible e en xeral do repunte do custo da vida o pasado exercicio, seguimos aferrados ao volante para os nosos desprazamentos. E o aumento do tránsito de coches polas estradas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes supón un caldo de cultivo para que se poidan producir accidentes. A pesar diso no 2023 baixaron na zona respecto ao ano anterior de forma case testemuñal, aínda que afortunadamente se reduciu en dous terzos o número de falecidos, ao caer de nove a só tres.

No 2022 a cifra de vítimas mortais en sinistros de tráfico estivo moi condicionada polo tráxico suceso da Noiteboa, ao precipitarse ao río Lérez un autobús que transitaba pola N-541 ao seu paso por Pedre (Cerdedo). Foron sete os falecidos nese accidente. Se descontamos ese caso, no 2023 estívose en cifras por amais , tres fronte a dous.

Durante o pasado exercicio tamén baixaron os accidentes en estradas da zona atendidos polo destacamento de Tráfico da Garda Civil en Lalín. En concreto foron 573 fronte aos 577 do pasado ano, segundo os datos facilitados onte desde a Subdelegación do Goberno en Pontevedra. Supón unha redución que poderiamos cualificar case de simbólica, con catro menos. A outra nota positiva foi a caída no número de vítimas que se produciron neses sucesos, con 112 fronte ás 165 do ano previo.

Oito hospitalizacións

Desas 112 vítimas rexistradas, como comentamos, tres faleceron, mentres que oito requiriron hospitalización pola gravidade das súas feridas —no 2022 foran máis, once en concreto— e 142 resultaron feridas leves no 2023 —145 no ano anterior—.

A maioría dos accidentes producíronse nos viarios de maior tránsito de vehículos, como poden ser a Nacional 525 ou a N-640. Pero tamén houbo noutros viarios. Por exemplo, un dos sinistros cunha vítima mortal producíase o 31 de maio do 2023 na PO-112 a paso por Rodeiro. Falecía o condutor dunha furgoneta de 44 anos cando era trasladado ao hospital tras chocar a furgoneta que conducía contra un vehículo pesado. O condutor dese camión saía ileso.

Atropelo de animais

Outro dos aspectos analizados no informe anual recolle as incidencias viarias onde se viron implicados animais. O pasado ano foron 245 os exemplares de especies cinexéticas que foron atropelados en sinistros nas estradas. Supón un descenso respecto ao 2022, cando se contabilizaron 276 casos. Curiosamente no 2023 produciuse o mesmo número, os citados 245, que no 2021.

Existe preocupación entre os condutores por esa elevada sinistralidade con presenza de animais nas vías, sendo maioritarios os atropelos de xabarís. A maior distancia e de lonxe hai tamén outros sucesos nos que están implicados corzos e cans. Pero a tendencia crecente debe invitar a tomar medidas protectoras e de seguridade. Como ocorre en xeral cos accidentes na calzada, tanto a N-525 como a N-640 acaparan o maior número de casos con especies cinexéticas implicadas, aínda que tamén hai cifras significativas na AG-53 e xa menos na AP-53.

Os atropelos mortais na provincia disparáronse con nove mortes

O pasado ano pechouse na provincia de Pontevedra con vinte e catro mortes na estrada, seis máis que no 2022, un menos que no 2021 e os mesmos que no período 2018-2022. Así o confirmou onte o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, quen precisou que son cifras que se enmarcan nun contexto de maior mobilidade, recuperando os niveis prepandemia. Deste xeito, os desprazamentos incrementáronse un 1,2 % con respecto ao 2022 e un 2,5 % con relación as cifras computadas do 2019.

Ao longo do 2023, Pontevedra foi escenario dun total de vinte e dous sinistros mortais que, ademais de causar vinte e catro falecidos, catro deles en vías de alta capacidade e o resto en estradas convencionais, deixaron 96 feridos graves e 1.364 leves. «O número global de sinistros con vítimas foi de 985, o que supón un lixeiro aumento interanual pero unha baixada de 13,4 puntos con respecto a hai cinco anos», engadiron desde a Subdelegación do Goberno en Pontevedra.

En canto á titularidade das estradas, o 59 % dos accidentes mortais tiveron lugar en viarios autonómicos, un 36 % en vías de titularidade estatal e un 4 % en vías municipais. Abel Losada, neste punto, advertiu da importancia de rexeitar calquera tentación de facer un uso político da sinistralidade viaria: «Queda claro que os accidentes prodúcense en todo tipo de vías e con todo tipo de titularidades».

Peóns e motoristas

Doutra banda, trasladou a súa preocupación polo número de usuarios vulnerables falecidos, xa que representan o 58 % dos mortos, o que implica un incremento do 30 % con respecto ao 2022. O pasado ano, o asfalto cobrouse a vida en Pontevedra de sete peóns e outros tantos motoristas cando o ano anterior non se rexistrou nin un só atropelo mortal.

Así mesmo, as saídas de vía están detrás da metade dos sinistros con falecidos, mentres que atropelos e colisións frontolateral causaron o 23 % e 13,6 %, respectivamente, dos accidentes mortais. En canto aos factores concorrentes nestes casos, «o exceso de velocidade estivo presente no 36 % dos accidentes con vítimas mortais e no 23 % dos accidentes con vítimas, así como a condución distraída, que causou tamén o 36 % dos accidentes mortais e o 27 % dos accidentes con vítimas», lamentou Abel Losada.

Os axentes de Tráfico efectuaron nas comarcas 32.341 probas de alcoholemia e 530 de consumo de drogas

O pasado ano, os axentes do Destacamento de Tráfico da Garda Civil en Lalín realizaron un total de 32.341 probas de alcol aos condutores en viarios da zona. Supoñen un descenso significativo respecto ao 2022, cando se efectuaron 40.749. Xa que logo reducíronse en 8.408, seguindo a tendencia xa de hai dous anos, cando se baixou en 8.317 respectos ao 2021.

A pesar dese forte descenso de probas, a porcentaxe de positivos por alcol caeu en menor medida. En concreto desde 599 no 2022 aos 523 do pasado exercicio. Das 32.341 probas de alcoholemia efectuadas, a maioría corresponderon a controis preventivos, con 27.131, mentres que 4.455 producíronse por mor dalgunha infracción e 755 en casos de accidentes.

A estatística anual tamén reflicte que das 523 probas que deron positivo, 472 detectáronse nos controis preventivos, supondo 448 unha infracción ao código penal e 46 a apertura de dilixencias. Moi lonxe quedaron os 32 positivos nos controis por accidentes, con 17 dilixencias tramitadas e 15 infraccións constatadas, así como os 19 positivos en probas por infraccións, con 14 que trouxeron sancións e 5 que supuxeron apertura de dilixencias.

Respecto das probas de drogas, creceron de forma exponencial o pasado ano ata 530, fronte ás 301 que se efectuaron no 2022. Desas 530, 308 efectuáronse en controis preventivos, 189 tras accidentes e 33 en casos de infracción do código penal. Houbo moitos máis positivos no 2023 que no exercicio previo, 221 fronte a 136. Desas 221, 192 positivos detectáronse 192 en controis preventivos, 18 en accidentes e 11 en infraccións.

Tráfico cursou na zona o ano pasado miles de denuncias que supuxeron detracción de puntos. Entre as infraccións máis comúns atópase o uso do teléfono móbil ao volante e excesos de velocidade. En xeral, a sanción por circular a maior velocidade leva parella a perda dalgún punto ademais de multa en función da gravidade.