Crespo ameaza con promover a disolución da Mancomunidade de Deza ante o desinterese xeral

j. b. LALÍN / LA VOZ

DEZA

MIGUEL SOUTO

19 dic 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

Sobraron dedos dunha man, equiparándoos a minutos, para finiquitar onte o pleno ordinario da Mancomunidade Terras de Deza, celebrado no auditorio de Lalín. En parte porque apenas había asuntos na orde do día, pero tamén porque se constatou de novo que hai un desinterese xeneralizado por darlle contido á institución xa que nin se acode ás sesións. O seu presidente e alcalde lalinense, José Crespo, mesmo recriminou as ausencias dos rexedores de Rodeiro, José Luis Camiñas, e de Vila de Cruces, Luis Taboada.

Crespo remarcou que xa deran plantón ambas nunha reunión previa de alcaldes, onde só estivo o de Silleda, Manuel Cuíña, e o mesmo. Hai que lembrar que na actualidade só catro municipios dezáns seguen integrando a Mancomunidade, tras a primeira marcha de Dozón e máis recentemente de Agolada. Mesmo chegou a dicir que «non son de perder o tempo, de así o mellor será disolver a Mancomunidade».

Antes do pleno, houbo comisión especial de contas para referendar a Conta Xeral do 2021 e a do 2022. Na sesión propiamente dita só figuraba dar conta do estado de execución do orzamento do 2023. A 30 de novembro, segundo recolle o informe do interventor, a situación é de solvencia financeira xa que os remanentes de tesourería para gastos do 2022 é de 82.459 euros, mentres o saldo bancario en conta corrente é de 41.148. Pero, matiza, que hai atraso xeneralizado dos concellos en facer as súas achegas á entidade e hai contía insuficiente para pagamento de facturas por reparación e mantemento de maquinaria. Expón ademais elaborar o orzamento para o 2024.