Un de cada tres menores da zona viven en risco de pobreza

David Cofán Mazás
David cofán A ESTRADA, LALÍN / LA VOZ

DEZA

miguel souto

As oenegués detectan un aumento de familias con escasos recursos

06 dic 2023 . Actualizado á 05:00 h.

Aínda que nos últimos anos a porcentaxe de menores de 18 anos sen recursos reduciuse, o número de nenos e nenas que viven en risco de pobreza segue sendo elevado. Segundo os datos que achega a Axencia Estatal de Administración Tributaria para o Territorio de Réxime Fiscal Común correspondentes ao ano 2021, o 31% dos menores de idade de Deza e Tabeirós viven en familias en risco de exclusión social. Unha cifra lixeiramente superior á media nacional, que se instala no 30%, e cinco puntos máis elevada que a autonómica (25,4%).

A administración estatal actualiza ano a ano esta información co fin de ofrecer unha fotografía o máis detallada posible, recollendo datos por cada distrito censual. Por tanto, entre concellos obsérvanse notables diferenzas, contando cunha maior taxa de pobreza infantil aqueles máis rurais. En Agolada dáse a taxa máis elevada, cun 45% de nenos que pasan por estreitezas. O distrito noroeste, que conta con parroquias como Basadre, Ramil, Eidián ou Borraxeiros, ten a maior porcentaxe da zona cun 48,6%.

O segundo municipio con máis menores en risco de exclusión é Forcarei, que rolda o 40%. Vila de Cruces atópase en terceiro lugar cun 36,7%. A partir de aquí hai un salto, pasando ao 30% que marca Rodeiro. Neste concello dezán rexístranse grandes diferenzas. Nas parroquias de Carbia, A Portela e Fafián o dato é do 41%, mentres que na parte occidental, na que se atopa o centro urbano, a cifra cae ao 22,6%.

Apenas tres puntos por baixo está Lalín (27,6 ), cun rexistro notablemente maior que A Estrada (20,5) a pesar de contar cun número similar de menores de 18. O municipio de Tabeirós é o que ofrece mellores datos, seguido de Silleda e Dozón.

«Estamos a notar un incremento desde o verán»

Os voluntarios de Cáritas traballan sen descanso, especialmente nestas datas, para que as familias con menos recursos poidan gozar dunha vida digna. Lourdes Tejedor, coordinadora na Estrada, asegura que nos últimos meses rexistraron un aumento no número de familias en risco de exclusión social. «Estamos a notar un incremento desde verán e o problema é que a aquelas ás que xa prestabamos atención seguen necesitando axuda», explica.

Cáritas achega roupa, alimento e material escolar, así como asesoramento xurídico ou axuda para o alugueiro e as facturas. Lourdes sinala que este aumento está a darse sobre todo en familias de inmigrantes, os cales non teñen a documentación en regra e non poden acceder a un traballo. Outro perfil de persoas que están a solicitar axuda a Cáritas Diocesana son persoas de entre 40 e 50 anos que están sen traballo e non poden chegar a fin de mes.

En Nadal redobran os seus esforzos para botar unha man no que faga falta. Onte colocáronse nos supermercados da localidade as caixas da Operación Quilo de doazón de alimentos. Tamén está á venda a súa lotería de Nadal e puxeron en marcha un mercadillo solidario.

«Hai moitas persoas maiores que aínda con pensión non chegan a fin de mes»

Moitas familias con escasos recursos apóianse na achega dos seus maiores, cuxas pensións son tan escasas que a duras penas conseguen algo de aforro. Este perfil é común para as oenegués locais. «Hai persoas maiores que aínda con pensión contributiva e sen fillos ao seu cargo teñen que pagar o aluguer e non son capaces de chegar a fin de mes», asegura Silvia Vázquez, responsable de Cruz Vermella en Lalín. Neste sentido, recoñece notar un aumento no número de familias necesitadas, o que implica unha maior cantidade de menores sen recursos.

Moitas destas familias son estranxeiras que deben regularizar a súa situación. «Complicase porque a xente de fora tarda un tempo en amañar a súa situación para traballar legalmente e os aforros duran o que duran», apunta. Cruz Vermella ofrece atención aos máis pequenos para evitar que descoiden os seus estudos ou sigan unha mala alimentación. Un apoio fundamental que prestan a través de clases de reforzo escolar.

«Traballamos cun máximo de dez menores xa que hai outras asociacións como Carabelo que tamén se ocupan dos nenos de Primaria. Veñen dous días á semana dúas horas. Ademais de axudalos cos deberes tamén lle damos unha merenda», explica.

A maiores, organizan dúas campañas cada ano, unha de recollida de material escolar e outra de xoguetes. A primeira é en setembro e a segundo é nestas datas, concretamente os días 15, 16 e 17 de decembro. O punto de recollida é no Carrefour de 12.00 a 22.00 horas e só aceptan xoguetes a estrear.