![](https://img.lavdg.com/sc/JC7RuiVI7wynTzk_EE9RBOMkLmY=/480x/2023/11/30/00121701361741657446824/Foto/DD1C6F4_172814.jpg)
O músico, mestre e escritor ourensán Pablo Nogueira Campo acaba de converterse en gañador do Premio Arume de poesía para a infancia coa obra Versos (a)variados. O xurado salientou a creatividade no uso e o dominio do rexistro musical e o emprego de múltiples recursos lingüísticos e literarios, incluíndo, como se dun xogo se tratara, onomatopeias, caligramas, trabalinguas, palíndromos ou anáforas. Subliñou tamén o variado acompañamento gráfico e icónico da obra.
Pablo Nogueira viña destacando ata agora pola súa faceta como narrador. No 2019 gañou con Banda Sonora Orixinal o premio Balbino e tamén foi merecedor do Pura e Dora Vázquez e o Agustín Fernández Paz e finalista dos Frei Martín Sarmiento.
A entrega do premio terá lugar o 15 de decembro ás 19.00 horas no auditorio Neira Vilas da Cidade da Cultura. No mesmo acto presentarase o libro gañador da anterior edición do premio Arume, Vos versos dá mariola, de Antón Cortizas, que foi publicado por Embora.
O premio Arume de poesía, o único en Galicia dirixido especificamente á infancia, é unha iniciativa conxunta da Fundación Neira Vilas, a empresa Deleite e a asociación Galix.