O tentáculo que se alzou da tapa de polbo

Javier Benito
javier benito LALÍN / LA VOZ

DEZA

Diego Andrade

A casa do concello de Lalín deseñada por Mansilla e Tuñón cumpre unha década. Foi un parto complicado, de cambios no proxecto e sobrecustos, pero xerou un edificio singular

24 sep 2023 . Actualizado á 05:00 h.

Un acontecemento singular quedou gardado para o recordo dos lalinenses cando evocan as festas patronais dAs Dores do 2013. Cando o goberno local con José Crespo á fronte mantiña unha tradición, máis tarde chea de altibaixos, de inaugurar algunha obra de relevancia. Nesta ocasión tocaba acadar o cume máis alto. E non pola torre circular que asoma en Ou Regueiriño, senón porque se vestía de longo a casa de todos os lalinenses, o bautizado como castro tecnolóxico. Á fin e ao cabo tratábase do investimento máis importante realizada na historia de Lalín. Un consistorio para douscentos anos, como insistiu en máis dunha ocasión o rexedor.

A consecución desta icona arquitectónica deseñada polo estudo de Luis Moreno Mansilla e Emilio Tuñón, inaugurado ese 20 de setembro de hai unha década, resultou un parto complicado. O edificio soñado por Crespo para o Lalín do século XXI viviu momentos de ansiedade na súa execución, pero xa a xestación tampouco foi doado. Porque da tapa de polbo, da concatenación para baixar altura de círculos concéntricos a semellanza dun castro, decidiuse alzar un tentáculo en altura e recortar talladas.

Detrás deses cambios houbo múltiples factores, desde a obrigación de adaptarse ás condicións da parcela existente para construír, pois o proxecto de Mansilla e Tuñón desbordábaa. Doutra banda o goberno local quería visibilizar o edificio e recortouse ao ancho para crecer ao alto cunha torre circular de 27 metros. E, ademais, houbo que acometer outros axustes por cuestións económicas. Se se fixou un tope de 6 millóns de euros, dos do ano 2004, para executar a obra, a proposta dos arquitectos afincados en Madrid case o duplicaba. E aínda cos cambios só se reduciu ata os 9,8 millóns.

A licitación das obras demostrou que se apertou o cinto económico ata o último buraco, cunha única oferta dunha unión temporal de empresas con FCC e a firma lalinense Proinsa. En setembro do 2006, de novo nunha chiscadela ás festas patronais, colocábase a primeira pedra para executar en 26 meses o edificio en 9,7 millóns de euros. Nin o prazo nin o custo chegáronse a cumprir, coa crise económica como pano de fondo. Levou a Proinsa por diante e FCC tivo que acabar os traballos, con etapas de parón importantes. Finalmente recibíanse en febreiro do 2011, case cinco anos despois do seu inicio. O custo estímase que superou os 13 millóns de euros, cun modificado de proxecto polo medio a finais do 2007. A mediados do 2011 comezaron a trasladarse ata alí os distintos servizos municipais.

Múltiples vicisitudes balizan a icónica construción, con libro propio e visitada por decenas de arquitectos. Referencia ineludible, maxestoso nas súas estruturas de aceiro e cristal en distintas tonalidades de verde. Coa escaleira helicoidal do vestíbulo como foco de interese, xa protagonista de anuncios publicitarios. E fíxose acredor de prestixios premios, que puxeron no mapa a Lalín e ao seu castro tecnolóxico, ademais de encherse de orgullo da casa de todos.

Unha inauguración ao grande e repleta de políticosUna referencia cun custo elevado de mantemento

A inauguración oficial do castro teconológico converteuse nun desfile de políticos, nun emotivo acto onde non faltou a música máis tradicional, coas gaitas ou a voz de Amancio Prada, pero tamén a batucada con Odaiko. Todo se mediu ao milímetro, coa recepción de autoridades, as firmas no libro de honra do Concello e o descubrimento da placa conmemorativa polo entón presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. Tampouco faltou a bendición do edificio polo bispo lucense, Alfonso Carrasco Rouco, antes de discursos no vestíbulo presidido por unha pintura de grandes dimensións de Antón Lamazares.

A consecución deste edificio de referencia internacional implica como contrapartida uns elevados custos de mantemento e funcionamento. Por exemplo en consumo eléctrico, xerando en máis dunha ocasión debate político. Tamén xorden problemas en cuestións de climatización, tanto no verán como no inverno. Pero conseguiuse aglutinar nun único edificio todos os servizos e evitar os múltiples alugueiros que se abonaban antes.