O mapa de FP trae novidades para o curso que vén nas comarcas

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN, A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

O Laxeiro de Lalín estreará un superior de Automoción e o Camballón cruceño demanda un ciclo de Educación Infantil

17 may 2023 . Actualizado á 05:00 h.

Os institutos están á espera de que a Consellería de Educación publique a oferta de ciclos para o próximo curso escolar, pero xa se auguran algunhas novidades. No IES Laxeiro de Lalín anuncian para o curso que vén dous ciclos superiores de FP Dual. Un sería a reedición do de Construcións Metálicas que acaba o 31 de agosto deste ano despois dun convenio que durou os cursos 21-22 e 22-23 e a l que se engadirá por primeira vez un curso superior de FP Dual de Automoción.

En canto a oferta ordinaria manteranse os ciclos xa en marcha, entre eles o de Acondicionamento Físico que chegará á terceira promoción.

No IES Marco do Camballón de Vila de Cruzamentos teñen solicitado un novo ciclo superior de Educación Infantil enfocado á formación de persoal de garderías e de campamentos, entre outros. No centro consideran que ten moita saída profesional e, de ser concedido pola Xunta, sumaríase aos xa existentes de Soldadura e de Atención a Persoas Dependentes. Teñen tamén en carteira a petición dun ciclo sobre Enerxías Renovables que propuxera un partido e cuxo apoio municipal creen que dependerá un pouco dos resultados electorais.

No Pintor Colmeiro de Silleda manterase o ciclo de Guía do Medio Natural que mantén o seu tirón e fai que o centro xa está a recibir numerosas chamadas de interesados. Manterase tamén o de FP Básica de Servizos Comerciais e o que aínda está no aire é a posible recuperación ou non do ciclo superior de Xestión de Vendas que non se imparte este curso por falta de matrícula.

No Antón Losada estradense, outro dos poucos institutos da zona que conta con FP Dual, están aínda á espera da publicación da Xunta. Esta determinará a continuación ou non dun ciclo de Informática de Oficina e en Dual agardan que se reactive de novo un superior de Administración de Sistemas Informáticos en rede cuxa primeira promoción acaba en agosto e a continuación do superior de Desenvolvemento de Aplicacións Multiplataforma cuxos alumnos finalizan este ano o primeiro curso do ciclo. O resto da oferta contan que se manteña como este ano co ciclo básico e medio de Carpintería, entre outros.

En Lalín, o Aller Ulloa, centra a súa oferta nos ciclos relacionados coa Informática e conta manter os dous superiores e o medio igual que o básico.