As galaicas conquistan a prata no galego de montaña

David Cofán Mazás
david cofán LALÍN / LA VOZ

DEZA

cedida

O equipo feminino do Galaico Trail Run de Lalín logrou o subcampeonato autonómico na esixente Carreira Canón do Sil

25 oct 2022 . Actualizado ás 20:02 h.

Este domingo o deporte lalinense celebrou un novo éxito, esta vez da man do equipo feminino do Galaico Trail Run (GTR) que conquistou a segunda posición por equipos no Campionato Galego de Carreiras por Montaña. Este subcampeonato gañárono na XV edición da Carreira Canón do Sil na localidade ourensá de Parada de Sil.

Unha cita marcada polo mal tempo e pola súa gran esixencia con 33 quilómetros de distancia e 2.200 metros de desnivel positivo cunha importante subida ao Meda. A cuarta posición de Patricia Varela permitiu ás galaicas pór o broche a unha fantástica tempada. O equipo feminino complétano Tamara García, Alina Cimpean e Belén Riádigos. Nunha cita á que acudiron moitos corredores do conxunto galaico, que acompañaron o éxito das mulleres con máis grandes actuacións para o conxunto dezán.

Na distancia curta, de 17 quilómetros, Juan Bendoiro conquistou a medalla de bronce. Así mesmo, debutaron dous novos corredores na categoría de cadetes, Víctor Bouzas e Samuel Otero, que se suman aos xa coñecidos Vicente e Sergio. Os dous novos estreáronse subindo ao podio en cadetes, nun segundo e terceiro posto.

Transvulcanica

Doutra banda, os galaicos Gustavo González e Manuel Conde correron o maratón e o ultra da Transvulcanica que se celebrou na Palma esta fin de semana. Un ultra de 75 quilómetros no que Conde rematou terceiro da súa categoría. Na modalidade de maratón, Gustavo González afirmou que acabou «sufrindo máis da conta» e que «quizais a altura xogoume unha mala pasada».

A fin de semana deparou máis éxitos para o GTR no Cros de Santiso e no EcoCamiño. Na primeira destacaron a actuación de Cristóbal Dafonte, quinto na xeral e cuarto en máster. Andrea Vázquez conseguiu a terceira posición na categoría sénior e Marga Blanco foi terceira en veteranas. Finalmente, Andrés Vaamonde quedou ás portas do podio no EcoCamiño de 43 quilómetros de distancia.