Noventa traballadores do Sergas en Deza piden activar unha nova liña de bus que conecte Lalín cos hospitais de Santiago

David Cofán Mazás
David Cofán LALÍN / LA VOZ

DEZA

E CUIÑA

12 ago 2022 . Actualizado ás 05:00 h.

Como quedou demostrado co aparatoso accidente en Silleda, coller o coche de regreso a casa tras unha maratoniana xornada de traballo na quenda de noite é un claro factor de risco para ter unha desgraza ao volante. Unha situación coa que queren acabar un grupo de 90 traballadores do Sergas fincados en Deza, que desde hai un mes iniciaron os trámites para solicitar en cada un dos seis concellos a implementación dunha nova liña de autobús entre Lalín e os hospitais de Santiago que se amolde ás súas necesidades.

O lalinense José Carlos Calvo é o impulsor desta solicitude. Asegura que o suceso de onte podería evitarse se a condutora puidese dispor deste servizo. Aínda que esta conexión existe na actualidade, explica que os horarios non se adaptan ás súas quendas xa que necesitan uniformarse e dar a substitución oportuna ao persoal saínte. Por iso solicitan que as saídas desde Lalín se produzan ás 06.35, 13.35 e 2035; mentres que desde o Hospital Clínico ou Conxo sexan ás 08.15, 15.15 e 22.15 horas. Un servizo similar ao que xa funciona en Vigo, conectando Cangas e Moaña co Álvaro Cunqueiro e Meixoeiro. Reitera que non se trataría dunha liña exclusiva para os traballadores do Sergas, se non aberta a calquera pasaxeiro.

Polo momento só se puxeron en contacto co colectivo os alcaldes de Lalín e Dozón, con quen se reuniron hai apenas dúas semanas. Ambos apoiaron a proposta e comprometéronse para axudar a levala a termo.