Abades volve presumir de rosquillas nunha festa única

David Cofán Mazás
David Cofán LALÍN / LA VOZ

DEZA

D. C.

A romaría trasdezana regresou tras dous anos de parón coa súa tradicional poxa que acadou prezos de ata 100 euros

18 abr 2022 . Actualizado ás 05:00 h.

A parroquia silledense de Abades celebrou a 34 edición da Romaría dá Rosquilla despois de dous longos anos de ausencia dunha das festas gastronómicas máis destacadas da comarca de Deza. As ganas de festa deixáronse notar desde os primeiros compases da mañá con decenas de persoas paseando pola contorna do santuario de Santa María de Abades onde comezaría a romaría cunha misa cantada polo Coro de Ponteledesma. Os visitantes apiñáronse nos postos de venda das prezadas rosquillas de Abades e sacaban fotos ás que estaban expostas para a poxa no palco da música. Antes de empezar a puxar polas deliciosas creacións artesanais, as gaitas e acordeóns da Escola de Música de Silleda deleitaron ao público.

O primeiro premio foi doado por Alicia García e poxado por 100 euros por David Estévez, que o cedeu á empresa santiaguesa, Roda Galicia. O propio Estévez tamén adquiriu por 90 euros o premio á orixinalidade, que recaeu na elaboración dunha muller a base de rosquillas e birlos doada por Santiago Villanueva. O segundo premio foi entregado por Dulce Deza e poxouse por 50 euros, mesmo prezo que o terceiro obra de Manuel Rey. Finalmente, o birlo especial, unha réplica da igrexa de Abades feita con rosquillas, foi poxado por 95 euros por Sergio Reboredo, de Teo.

Acto seguido a charanga Leña Verde animou aos comensais que enchían as carpas de pulpeiros no campo da festa, pondo o colofón a unha festa que aúna tradición e gastronomía con creacións únicas.