Arde a fábrica dunha empresa de armarios no polígono de Vilapouca

David Cofán Mazás
David cofán A Estrada / LA VOZ

DEZA

cedida

O lume iniciouse de madrugada e calcinou parte da entrada da nave

30 novs 2021 . Actualizado ás 22:48 h.

Ao redor das 02:30 horas da madrugada do luns ao martes orixinábase un incendio nunha nave industrial situada na parcela número cinco do polígono de Vilapouca (Forcarei) pertencente á empresa de armarios de madeira Imar Enxeñería Modular S.A. O lume calcinou parte da entrada da fábrica e produciu o colapso dos falsos teitos da edificación, pondo en risco a estrutura do recinto.

Despois de que un particular dese aviso ao 112 para alertar de que saía fume pola parte traseira da nave, acudiron ao lugar os Bombeiros de Deza, o GES da Estrada e membros da Protección Civil de Forcarei. Tamén se lle facilitaron datos á Garda Civil e ao grupo de apoio loxístico de Axega por se fose necesaria a súa intervención. Os servizos de extinción tardaron catro horas e media en controlar e apagar o incendio empregando oito mil litros de líquido para iso. Este produciuse na zona de almacenamento da nave, afectando a taboleiros de aglomerado e unha furgoneta, os cales quedaron a mercé das chamas. A totalidade da fábrica viuse afectada o fume e as altas temperaturas.

Co paso das horas, á mañá seguinte, unha nova columna de fume erixíase desde a fábrica, obrigando aos servizos de extinción de Deza a acudir ao polígono. As altas temperaturas no interior e o tipo de material afectado volveron activar pequenos focos entre os restos carbonizados. Finalmente, os bombeiros refrigeraron a zona e deixaron que ardese de xeito controlado, de forma que o lume quedou extinguido ás poucas horas.

Descoñécense as causas dun incendio cuxas consecuencias poden ser nefastas para os propietarios e empregados da empresa forcaricense.

O incendio aviva a polémica sobre a falta de medios en Terra de Montes

Este suceso volveu abrir o debate sobre a necesidade de contar con servizos de urxencias na Terra de Montes. O BNG de Forcarei expuxo esta necesidade a través das súas redes sociais lembrando que non contan con medios esenciais «a menos de vinte minutos». Reclaman ao Concello un parque de bombeiros, un grupo de urxencias municipal e unha ambulancia. Unha opinión que é compartida por algún dos habitantes da zona, que reactivaron esta vella demanda a través dunha petición en change.org na que piden estes servizos. Ao peche da edición eran 10.702 as firmas que apoiaban esta petición para dotar de medios de urxencias á Terra de Montes.