Chamada á prudencia ante o inicio das matanzas na zona

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

DEZA

E CUIÑA

Lalín acada os 21 casos activos de coronavirus, Silleda suma 9 e A Estrada 14

30 novs 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O aumento de casos de coronavirus esténdese e as comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes non son unha excepción. Aínda que a maioría dos casos son de persoas que están a ter síntomas leves ou mesmo asintomáticos, a situación preocupa, sobre todo de cara coas matanzas e as reunións familiares ao virar a esquina. Aínda que a situación non é comparable á que se vivía o ano pasado por estas datas, sobre todo, porque a principal vantaxe é que máis do 90 % da poboación da zona atópase vacinada, desde os concellos, os responsables municipais realizan unha chamada de atención e apelan, unha vez máis á responsabilidade individual, pedindo á cidadanía que se extremen as precaucións.

Un deles é o municipio de Rodeiro que conta nestes momentos cun total de cinco casos, detectados nos últimos días e de persoas que non requiriron de hospitalización. Esta situación levou ao goberno local a facer unha chamada á prudencia para que non siga crecendo o número de contagios.

«Sabemos que os cinco afectados son de idade media, semella que evolucionan favorablemente, pero pedimos moita prudencia», afirmou a concelleira María Simón. Unha situación de novos contagios no concello dezán que despunta poucos días antes da ponte da Constitución no que volverán proliferar as matanzas caseiras por todas as aldeas da zona, e podería sumar novos contagios. Lembraba Simón que o ano pasado «esas datas nos xogaron unha mala pasada ao producirse moitos contaxios e iso derivou nun cribado masivo no concello».

Ao obxecto de evitar a situación sanitaria vivida no pasado decembro, o goberno local lanza un chamamento á prudencia; pedíndolle aos veciños que usen máscaras, eviten compartir espazos pechados e traten de manter a distancia de seguridade nas tarefas propias da matanza. Insiste ademais Simón que o peor escenario pode darse nas comidas posteriores ás matanzas; «xúntase a xente de varias unidades familiares, de lugares diferentes e aí é onde pode estar o perigo, e por iso apelamos á prudencia da veciñanza para que non se repita o sucedido o ano pasado».

No mesmo sentido pronunciábase o alcalde, Rubén Quintá, que realizaba o mesmo chamamento aos veciños a través das redes sociais do Concello.

A diferenza do pasado ano, este non hai ningún tipo de restricións, de momento, nin recomendacións fronte ao número de persoas que se poden reunir. Esa carta branca, por dicilo dalgún modo, é o que preocupa aos responsables municipais e sanitarios co tenor de que unha posible relaxación das medidas de protección poidan contribuír a propagar e estender o virus.

En Lalín, onte contabilizábanse un total de 21 casos activos. A incidencia acumulada a 7 días fixábase en 59 casos por cada cen mil habitantes, mentres que a incidencia acumulada a 14 días era de 89.

Un caso nas Dores

Un deses novos positivos é unha traballadora da residencia das Dores. Ademais unha persoa residente foille realizada unha PCR e o centro está pendente do resultado. A residencia activou todos os protocolos de precaución e puxo en marcha diversas medidas de protección. Dentro destas incluír o illamento dalgún residente e a realización onte de test de antígenos ao resto do persoal e residentes que deron negativos.

Por outra banda, en Silleda, onte o número de positivos era de 9. Na Estrada, onte contabilizábanse un total de 14 casos activos, o mesmo número que se rexistraba o domingo. Ningún deles atópase hospitalizado e todos os positivos se recuperan nos seus respectivos domicilios. En Vila de Cruces onte eran dúas os positivos activos e en Agolada había un. En Forcarei o domingo, o municipio contaba con 35 contaxiados.

Agolada apraza o Xantar de Nadal dous Maiores debido ao aumento de casos en Galicia

O grupo de goberno de Agolada decidiu onte aprazar o Xantar de Nadal dous Maiores, cuxa celebración estaba prevista para este próximo venres, día 3. Ía ser a primeira das actividades da programación do Nadal pero os edís acordaron suspendela, de momento, ante o aumento de casos na comunidade galega. Desde o Concello, os responsables municipais consideran ante a actual situación é mellor agardar. O alcalde, Luis Calvo, significaba que «pensamos que é mellor agardar para non por en risco a ninguén e porque cremos que se animará máis xente si se fai a xuntanza cando haxa menos contaxios». Esta é a primeira das iniciativas programadas na zona que se suspende pola situación sanitaria e o aumento de casos.

«Quero un papel deses para poder ir aos bares e restaurantes»

Co cartón sanitario na man presentáronse esta fin de semana moitos veciños da zona nas farmacias solicitando a impresión do certificado de vacinación, obrigatorio para acceder aos establecementos hostaleiros a partir de una certa hora. Nas farmacias da zona apuntan que a frase de se «quero un papel deses para ir aos bares» repetiu con frecuencia ao longo dos últimos días. De momento na zona non notan un repunte na venda de test de antígenos que se mantén, pero creen que pode aumentar de cara á celebración das reunións das matanzas e as viaxes da ponte.