A primeira novela en galego volve ás librarías nunha edición que reproduce o orixinal de Marcial Valladares

La Voz A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

cedida

A nova publicación será presentada hoxe no Teatro Principal da Estrada

08 sep 2021 . Actualizado á 05:00 h.

A primeira novela contemporánea das letras galegas, Maxina ou a filla espuria, volve ás librarías 141 anos despois da súa publicación por primeira vez nunha edición especial que presenta a obra ao público lector do século XXI e inclúe a reprodución facsimilar do manuscrito conservado no arquivo da Real Academia Galega. Marcial Valladares (Vilancosta, Berres, A Estrada 1821-1903) escribiu Maxina ou a filla espuria en 1870, pouco despois de rematar a versión inicial do seu Diccionario gallego-castellano, o primeiro gran dicionario da lingua galega e a obra que lle reportou un maior respecto entre os coetáneos. Pero o protagonista do Día das Letras Galegas de 1970 tamén foi gramático, desenvolveu unha notable recollida de cantigas e refráns e mereceu un lugar destacado no Rexurdimento como pioneiro do uso do galego como poeta e autor de Maxina. A edición facsimilar la obra será presentada hoxe mércores ás 19.00 horas no Teatro Principal da Estrada. O acto ía ser inicialmente no espazo fluvial do Areal, pero cambiouse por mor da choiva.

Maxina publicouse por primeira vez en 1880, o mesmo ano no que saiu do prelo Follas Novas, de Rosalía. Viu a luz en 16 entregas na revista La Ilustración Gallega y Asturiana, dirixida por Manuel Murguía. Seguindo os trazos do folletín, a novela narra a historia desgraciada dunha moza da burguesía compostelá violada nun baile de máscaras e que queda embarazada dunha cativa á que chamará Maxina.