O BNG pide no Parlamento a ambulancia de apoio e unha medicalizada

La Voz LALÍN / LA VOZ

DEZA

Miguel Souto

20 abr 2021 . Actualizado ás 00:46 h.

O BNG presentou no Parlamento unha batería de preguntas en relación á falta da ambulancia de apoio reclamando a reposición desta e a dotación ademais dunha ambulancia medicalizada para Lalín. A formación nacionalista presentará para o seu debate no próximo pleno ordinario unha moción coas mesmas reivindicacións.

Preguntan á Xunta se consideran que a dotación de urxencias da comarca de Deza é suficiente, se os veciños desta comarca poden recibir unha atención sanitaria rápida e con garantías ante unha patoloxía de gravidade ao carecer de ambulancia medicalizada e se os cidadáns dezáns teñen as mesmas oportunidades ante unha patoloxía grave que outras doutras zonas de Galicia. Queren saber se o goberno autonómico ten a intención de dotar a Deza dunha ambulancia medicalizada e de ser así preguntan en que prazo sería,

Queren coñecer tamén cal é o criterio da Xunta para a dotación de urxencias, se se vai repor a ambulancia de apoio e cal é a razón pola que esa ambulancia de apoio comprometida leva meses sen estar operativa. Insisten na necesidade dunha ambulancia medicalizada para unha resposta rápida.