«A escaseza de combustible axudou a reducir a mobilidade e os contagios»

Rocío García Martínez
rocío garcía A Estrada / LA VOZ

DEZA

O estradense José Blanco conta que en Caracas «absolutamente todo o mundo vai con tapabocas e garda distancias»

25 abr 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Ás veces un claro contratempo chega a ter o seu lado positivo. É o que está sucedendo estes días en Venezuela, onde os problemas para a consecución de combustible contribuíron a reducir a mobilidade no país e, indirectamente, a frear a expansión do coronavirus. Polo menos é o que cre José Blanco Barros, un venezolano de raíces estradenses que exerce de director de Deportes da Irmandade Galega de Venezuela.

José Blanco é fillo da estradense María del Carmen Barros e do cruceño José María Blanco , natural da parroquia de Larazo. Aínda que naceu en Venezuela, durante a súa infancia e mocidade viaxou moitas veces a Galicia. «Agora fai moito que non vou porque viaxar neste país hase convertido en algo moi difícil, sobre todo pola cuestión monetaria, polo cambio do bolívar e o dólar», comenta. A pesar de todo, José Blanco segue mantendo o vínculo cos seus parentes estradenses e apegado ás súas raíces.

Desde Caracas, José Blanco conta como se vive en Venezuela a crise do coronavirus. «Segundo os datos oficiais, en todo o país se reportaron uns 300 casos en total e unha decena de falecidos. A incidencia no Distrito Capital de Caracas non chega aos corenta casos cando a poboación da capital supera os tres millóns de persoas», explica.

Vivir ao día

Para José Blanco, hai tres factores clave que poden ter contribuído á contención da pandemia. «Respecto doutros países, houbo un adianto na aplicación de medidas. Aquí o goberno decretou a corentena o 13 de marzo e durante un mes, ata o 13 de abril. Agora estendeuse por outros 30 días, ata o 13 de maio», explica. «Pecháronse colexios e só se manteñen as actividades esenciais. A recomendación é non saír á rúa. É unha invitación. Non é obrigatorio. Aquí non hai multas, pero a xente tomou conciencia. A xente sae só para o necesario e aquí necesitas saír cada día a comprar o sustento diario porque o venezolano vive ao día; o poder adquisitivo non dá para facer provisión de compras para 15 días. Pero absolutamente todo o mundo vai con tapabocas e nas colas das tendas gárdanse as distancias», explica. «Os nenos aquí poderían saír, pero non están a saír e tampouco se ve a ninguén facendo deporte, auque poderíase. Ocasionalmente, algunha persoa paseando un can», apunta.

José Blanco é administrador de empresas e traballa nunha de fabricación de gas refrigerante que, por non ser actividade esencial, está parada. A súa muller é profesora e o seu fillo de 19 anos estuda Comunicación Social na universidade. «Ela está a impartir docencia a distancia e el recibíndoa en casa. O único que sae á rúa para facer as compras imprescindibles son eu», apunta.

Ademais da aplicación da corentena con poucos casos activos e da responsabilidade da poboación, José apunta ao problema do combustible como un factor adicional que pode ter freado a expansión. «A xente está a ter problemas para conseguir combustible, así que non se pode mover moito», explica.

Un deserto desde as 2

«En Caracas hai que facer unha diferenciación. A zona oeste é a das clases populares e a leste a da clase media. A zona este, desde as 14 horas é practicamente un deserto. Nas barriadas, en cambio, vese máis concentración porque ás veces se dá a disxuntiva de quedar en casa para protexerse do covid-19 ou saír a buscarse o sustento», comenta.

Particularmente, a comunidade galega é das máis concienciadas. «Ao estar máis ao tanto do que está a pasar en España ou en Italia estamos máis concienciados. Na Irmandade suspendemos toda a actividade ao primeiro día», comenta José.