O PSOE de Silleda descarta rebaixar o tipo do IBI antes de actualizar valores

Javier Benito
javier benito LALÍN / LA VOZ

DEZA

miguel souto

PP e BNG reprocharon a Cuíña que pedise renovar o relatorio sen aviso previo

28 ene 2020 . Actualizado ás 21:31 h.

O tipo que se aplica en Silleda para o cobro do Imposto de Bens Inmobles (IBI) manterase polo menos ata que se actualice o relatorio de valores catastrais, que data do primeiro mandato de Juan Salgueiro como alcalde en 1989. Nin os intentos previos do BNG por vía mocións nin o pleno extraordinario pedido polo PP que se celebrou onte convence o grupo de goberno socialista para adoptar ningunha medida, a pesar da regularización de determinados bens xa no 2018. Para o rexedor, Manuel Cuíña, a ese paso débese sumar a nova valoración para entón si analizar con detalle e en profundidade que servizos quérense prestar desde o Concello, determinándose en base aos seus custos se é posible baixar ou mesmo pode requirirse unha subida do tipo impositivo correspondente ao IBI.

A sesión extraordinaria, con máis público do habitual -ao que Cuíña invitou a repetir na súa alocución final de despedida-, arrincou coas súas aclaracións sobre cando se solicitou ao Ministerio de Facenda a actualización dos valores catastrais. A comunicación remitiuna o Concello o 26 de xuño do 2019, incidindo o alcalde que non había ido nin a comisión informativa nin a pleno porque non era necesario ao ser unha cuestión ordinaria e que se debaterá pola corporación unha vez este dispoñible o relatorio para a súa aprobación definitiva.

O portavoz do PP, Ignacio Maril, arrincaba a súa primeira intervención lamentando que catro ou cinco meses despois siga sen haber sistema de gravación dos plenos para insistir na sorpresa que supuxo coñecer a través do BOE que o Concello de Silleda solicitara actualizar o relatorio de valores. Todo iso, dixo, sen debate a pesar de afectar a todos os veciños nin informar aos portavoces municipais. Unha medida que suporá un novo incremento dos recibos do IBI tras a modificación catastral do 2018 que xa provocou esa mesma situación.

Maril aludiu ao incremento de máis de medio millón en ingresos do IBI nun ano, criticando que a petición da actualización dos valores fixésese só un día despois do pleno de organización onde se fixaron subidas de soldos e dedicacións parciais. O portavoz popular resaltou que Silleda ten o tipo impositivo, do 0,53, case un 20 % máis alto que Lalín, A Estrada ou Vila de Cruces. Pediu deixar sen efecto esa pedida actualización dos valores catastrais.

Subida de impostos

A portavoz do BNG, Tania Cornado, furgou na ferida dos soldos como o PP, con só unha xornada desde a súa aprobación a pedir a actualización do relatorio e «subir impostos aos veciños», lembrando as distintas mocións para que se baixa o tipo impositivo ou para que se bonificase o IBI de urbana nas parroquias. Expuxo que hai pouco xa se regularizaron máis de 2.000 vivendas no municipios e que mesmo pode haber algunhas que teñan menos valor que en 1989.

Cornado achacou ao rexedor arrogarse unha baixada de impostos no 2016 cando se baixou o tipo impositivo de 0,60 a 0,53, debido á boa situación económica do Concello, preguntándose se agora non está igual. Mesmo apuntou a posibilidade de acudir á Xustiza contra o rexedor, acusándolle de mentir aos veciños.

Na quenda de réplica, Manuel Cuíña considerou que primeiro se debe regularizar todo o IBI antes de analiza posibles rebaixas do tipo impositivo, asegurando que había mansións que pagaban 30 ou 40 euros e pisos que chegaban aos 200, argumentando se non se actualizaba o relatorio de 1989 podía facelo o Goberno central e «no canto de subir ou 3 % pode ser máis». Explicou que desa data na zona só hai uns poucos concellos na provincia, como Rodeiro, Agolada e Dozón, incidindo en que se aparcou durante anos porque non é unha medida popular, como no seu momento a subida de lixo, esgrimindo que el o fixo a seis meses dunhas eleccións, pasando de 30 a 72 euros e a pesar diso logrou maioría absoluta.

Cuíña insistiu en que os valores catastrais se deben actualizar entre os cinco e dez anos, o que non significa que suban os prezos xa que ás veces baixan en función da situación do mercado inmobiliario. E restou importancia ao esforzo para os veciños do 3 % no IBI, porque despois de regularizarse poderíase rebaixar o tipo.

Os seus argumentos non convenceron a oposición, tanto Maril como Cornado insistiron no escurantismo ao redor da petición a Facenda de actualizar o relatorio de valores, tachando o primeiro de populistas as súas explicacións e lembrou que o IBI supón 1,5 millóns, aínda que despois Cuíña lle matizou que se incluían atrasos de catro anos pola regularización de inmobles do 2018. Recriminoulle o portavoz do PP que o fixese pola porta de atrás, con máis impostos cando hai gastos elevados en dietas ou viaxes «do rexedor e dá súa xente». Cornado insistiu en bonificar ao rural, máxime cando ademais moitos veciños xa viron actualizados os valores polo paso do AVE e a AP-53. O rexedor volveu argumentar que antes de avaliar baixada de tipo impositivo debe aprobarse o novo relatorio de valores, antes de desvelar que a decisión de pedila foi súa xunto a Intervención e comunicada ao resto do goberno local.

Antes de votar ese primeiro punto, Maril achacoulle que desde xaneiro tivera prazo para pedir a Facenda o novo relatorio, pero fíxoo en xuño e despois de que o ministerio ampliase prazos, polo que puido ter tomado a decisión antes das eleccións municipais. E de novo lamentou que non informase á oposición, nin sequera unha resolución. Botar para atrás a modificación do relatorio foi rexeitada polo PSOE, mentres o BNG votou co PP por esa medida.

Menor carga impositiva por este tributo que a media provincial

Se non prosperou tombar o proceso de actualización do relatorio de valores, tampouco o fixo a segunda medida incluída polo PP na súa petición de pleno extraordinario. Defenderon iniciar o procedemento para modificar e rebaixar o tipo impositivo. No caso do IBI de urbana, de 0,53 ao 0,40; do de rústica, ao 0,30; e manter o de bens especiais no 1,3. Maril resaltou que a regularización do 2018 permitía agora abordar esa posible redución do tipo e equipararse a outros concellos da zona, beneficiando aos veciños nun momento en que se albisca un parón na economía. Cornado pola súa banda recalcou que o BNG xa o pediu e volverao a facer vía moción, como que a Igrexa pague o IBI.

Cuíña insistiu en que primeiro relatorio de valores e despois estudo do tipo, para esgrimir cifras. Aludiu a que a carga impositiva por IBI en Silleda antes de regularizarse era de 99 euros por habitante, agora de 119,5, pero a media provincial está en 142,14. Citou exemplos como Lalín, con 142; Sanxenxo, con 374; Pontevedra, 205; Vilaboa, 141; Moaña, 147; ou Ribadumia, 150. Significou que unha rebaixa de tipos pode supor perder 300.000 euros en ingresos, a cantidade que agora se paga polos préstamos pedidos no seu día polo PP e que acaban no 2025. Non convenceron as cifras a PP e BNG porque pode haber distorsiones coas cifras de inmobles. E saíu á palestra desde a débeda ao maior poder adquisitivo que Lalín.