Inician as obras da rúa 56 con drenaxes contra a auga embalsada

Rocío García Martínez
asperxo garcía A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

r. g.

Os traballos inclúen a construción de dous pasos de peóns sobreelevados

18 dic 2019 . Actualizado á 05:00 h.

Tras a desapracible xornada do luns, a empresa Covsa aproveitou onte a tregua meteorolóxica para iniciar as obras de mellora integral da rúa 56. Comezaron cos traballos de drenaxe que será preciso levar a cabo para canalizar as augas que nacen na parte baixa do vial, xunto á rotonda do cruzamento coa prolongación de Antón Losada. En época de choivas, estas augas cómense literalmente o pavimento. E o mes de novembro foi xeneroso en precipitacións. Por máis que o Concello intentou atallar a situación con bacheados case diarios, a auga continuou facendo o seu traballo ata crear unha focha que obriga aos coches para cambiarse de carril e que non se soluciona con parches.

Por esta razón, o Concello adxudicou por vía de urxencia á empresa Covsa uns traballos que roldan os 47.000 euros e que se pretende deixar rematados antes de Nadal.

Na xornada de onte a empresa comezou coa drenaxe e canalización das augas. As obras aproveitaranse ademais para a construción de dous pasos de peóns sobreelevados. Para iso adecuarase o da parte baixa do vial, onda a rotonda, e habilitarase outro pouco despois do arranque da rúa no Farol, máis abaixo do restaurante A Lámpada. A empresa agarda ter listos estes traballos esta semana, a pesar de as previsións de temporal para hoxe e mañá.

Listo antes de Nadal

As obras inclúen o levantamento integral dun tramo de trescentos metros, incluídos as beiravías. O firme actual está feito sobre un simple recheo de terra. Segundo informou o alcalde en días pasados, as obras incluirán a construción dunha base de pedra compactada sobre a que se disporá o novo asfalto.

O asfaltado poderá rematarse nunha xornada, co que agarda que o tempo dea unha nova tregua e a obra poida quedar lista para Nadal.

Os que terán que agardar quenda son os usuarios da Avenida de Santiago, que sofre un problema similar, sen embalsamiento de auga pero cun firme de area que cede ante os temporais e o paso do tráfico pesado. O Concello ten previsto atallar este asunto no 2020, pero aínda non hai presuposto e non será barato. Namentres, os veciños quéixanse das fochancas, as gretas e da acumulación nas beiravías dos restos dos continuos e infrutuosos bacheados.