Convocado o premio de novela Xosé Neira Vilas

DIEGO ANDRADE

DEZA

Cedida

30 jul 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A Fundación Xosé Neira Vilas de Gres acaba de convocar a cuarta edición do seu certame no que se premiarán obras inéditas escritas en lingua galega, destinadas a un público xuvenil co propósito de estimular a creación literaria, así como a fomentar a lectura en galego entre o público máis novo a través de obras de calidade que o acheguen aos ficticios mundos que ofrece o ámbito da novela.

O prazo de presentación permanecerá aberto ata o 11 de outubro, e durante este período, os interesados en participar, deberán enviar tres exemplares dos seus traballos, cunha extensión de entre 50 e 150 páxinas, á sede da fundación, situada en Gres, Vila de Cruces, onde un xurado deliberará cal ha de ser a obra galardoada. A entrega do premio realizarase o próximo 3 de novembro, coincidindo co aniversario do nacemento do autor de Memorias dun neno labrego. Estará dotado con 1.000 euros e a publicación do traballo a cargo da editorial Edicións Embora, que xa publicou os títulos gañadores nas tres anteriores edicións .