Agader premia á asociación Carabelo polo seu labor social e o seu programa de apoio ás familias

La Voz LALÍN / LA VOZ

DEZA

Rober Amado

06 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Os premios Agader que este ano celebran a súa décima edición contan entre os galardoados á asociación lalinense Carabelo. O colectivo, que recibirá o premio na categoría de proxectos de interese social orientados á integración de colectivos desfavorecidos, recibiu a noticia con alegría. Desde a agrupación Valentina Díaz explicaba onte que «estamos encantadas, non só polo recoñecemento que supón senón tamén pola parte económica que implica e que nos vén moi ben para facer fronte a gastos e para o funcionamento das actividades».

Carabelo naceu hai case dous anos, pero a escola e as súas actividades de apoio a estudantes e familias leva a cabo desde o 2013. A entrega de premios terá lugar o día 21 e alí agardan estar algúns voluntarios e algúns nenos para gozar xuntos dese momento. A cerimonia será no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude.

Desde Agader destácase o labor de Carabelo fomentando o desenvolvemento integral, individual, social e grupal dos usuarios «mellorando a súa autonomía e as habilidades personais, académicas, sociais e laborais para a súa plena integración». Carabelo atende a 65 nenos e 25 familias. Foron galardoados ademais a Fundación Eduardo Pondal, a Granxa Escola Musical de Tomiño, o GDR Ribeira Sacra Courel, Polyesteres Bidasoa, a cooperativa Amarelante, Gráficas Salnés e a SAT A Pemementeira de Padrón.