
O adestrador do Mallorca asegura que o centrocampista galego cruzou «unha liña vermella e vulnerou os códigos de vestiario»
14 sep 2025 . Actualizado á 18:46 h.Jagoba Arrasate, técnico do Mallorca, rompeu o seu silencio ao redor do caso de Dani Rodríguez, quen esta semana se reincorporou aos adestramentos tras cumprir unha sanción de emprego e soldo de dez días imposta polo club bermellón debido ás súas polémicas declaracións públicas tras o encontro ante o Real Madrid no Santiago Bernabéu.
«Eu quero facer ben a miña profesión e Dani vai adestrar connosco. A partir de aí, creo que el cruzou unha liña vermella. Vulnerou os códigos dun equipo e, por tanto, a min fáilleme moi difícil poder contar cun xogador que tivo ese comportamento e ese pensamento», explicou Jagoba Arrasate, na rolda de prensa previa ao encontro desta noite (21 horas, Movistar LaLiga) entre o conxunto bermellón e o Espanyol.
O centrocampista de Betanzos expresou nas súas redes sociais o seu malestar en dúas publicacións por quedarse fóra do once e non xogar nin un minuto contra o Real Madrid, críticas que non só afectaron o adestrador, senón tamén ao vestiario e á dirección da entidade.
Na primeira, compartiu unha imaxe da súa familia na bancada e lamentou a falta de «meritocracia, a cultura e o respecto polo traballo» no club, expresando amargura por non disputar nin un minuto.
Horas despois, intentou matizar a súa mensaxe cun comunicado dirixido á afección, no que recoñecía o seu enfado, aínda que seguía cuestionando que Jan Virgili, recentemente chegado ao equipo, xogase con só un adestramento, mentres compañeiros con máis traxectoria permanecían no banco. «Dá igual o traballo, a entrega ou a lealdade», expresou.
Ademais, de suspendelo de emprego e de soldo durante dez días, retiróuselle o brazalete de capitán.