Raúl Marqueta: «É o meu primeiro gol, subín varias veces e baixei a fume de carozo noutros partidos»

Antonio Garrido Viñas
Antonio Garrido PONTEVEDRA / LA VOZ

DEPORTES

ADRIÁN BAÚLDE

O porteiro  lembra o seu tanto decisivo co Pontevedra ante o Cacereño

31 ago 2025 . Actualizado á 21:38 h.

A Raúl Marqueta parece que lle gustan os retos. A tempada pasada discutiulle, e con éxito, a titularidade a Pato na portería do Ourense e na presente recalou en Pontevedra para medirse a outro mito das porterías galegas como é Edu Sousa. O primeiro duelo sorriu a Marqueta, que foi titular e ademais protagonista, ao marcar o tanto que lle deu un punto ao conxunto granate nada menos que no minuto 98 do encontro contra o Cacereño (1-1). Foi tras un lanzamento de falta e despois de que uns minutos antes xurdise unha oportunidade similar. «Houbo un córner, pero preguntei canto quedaba, dixéronme que tres minutos e decidimos que non subise», lembra. Si o fixo no que xa era a última do partido. E saíu ben. Marqueta rematou e marcou o tanto do empate o minuto 98. «Sobes porque sempre tes a sensación de que pode pasar algo», explica. E en Pasarón, o sábado non pasou algo, senón moito.

O seu primeiro tanto, porque, como lembra, non é a primeira vez que sobe a rematar á desesperada desde a portería, pero sen un desenlace tan afortunado. «É o meu primeiro gol. Subín varias veces e baixei a fume de carozo noutros partidos», apunta o gardameta granate. Nese estado de incredulidade, o gardameta tamén deixou espazo para a reflexión. «Oxalá que non teñamos que pasar outra vez polo mesmo», di con sinceridade. A advertencia soa tan natural como comprensible: un desenlace así emociona, pero tamén evidencia que o equipo sufrira máis da conta. O partido tivera de todo: dominio, ocasións, un penalti fallado e, finalmente, o gol salvador do porteiro no minuto 98. O Pontevedra estaba a piques de irse sen carga tras un partido no que fixera méritos suficientes para obter un resultado mellor, pero no último instante apareceu o protagonista máis inesperado. Non foi un dianteiro, nin un defensa lanzado ao ataque, senón o porteiro. O gardameta granate, que pasara todo o encontro tratando de evitar goles, cruzou o campo na última xogada, rematou a falta con decisión e converteu o empate en realidade. Un gol que desatou a tolemia na bancada e que quedará como un dos momentos máis sorprendentes da tempada.

«Un monólogo»

Raúl Marqueta, desde ese miradoiro privilexiado que é a portería dun campo de fútbol, recoñece que o Pontevedra non entrou ben no partido, pero que se o seu equipo se houbese quedado sen sumar nin un punto fose unha inxustiza. «Custounos entrar no partido, pero logo tivemos o control do balón e a segunda parte foi un monólogo», lembra.

Ata que chegou esa falta. Yelko lanzou o balón cara á área e Marqueta emerxeu sobre os rivais do Cacereño para mandar o balón á rede cun croque que asinaría o mítico Santillana. Di Marqueta que non é a primeira vez que o intenta, pero si que é a primeira na que salgue con éxito de semellante acción. O gardameta cualifica suceder como unha anécdota, pero non lle quita, nin moito menos, a importancia ao sucedido. O empate sabía a pouco polas ocasións xeradas, pero ao mesmo tempo tiña sabor de vitoria pola forma en que chegou. De momento, no ránking de goleadores do Pontevedra a táboa encabézaa o porteiro.