Boas vimbias e moito por modelar no Baxi Ferrol, que cae na súa estrea ante o IDK (69-84)

E.Barreira / J. Valencia FERROL / LA VOZ

DEPORTES

JOSE PARDO

As veteranas Mestres e Joiner supliron con traballo por milleiros as dúbidas das novas ante o complexo sistema de Lino

31 ago 2025 . Actualizado á 22:56 h.

A pesar de estrearse con derrota no Trofeo Cidade de Ferrol, o Baxi Ferrol de Lino López deixou claro ante o IDK (69-84) que o parón estival non minguou nin un chisco da garra das súas, que están en pleno proceso de contaxiar esa maxia da Malata ás recentemente chegadas. Boas sensacións, cunha maxistral Gala Mestres aos mandos, á falta da chegada das pivotes Melia e Daniels, que se incorporan mañá á dinámica co equipo.

Un verán polo medio para que todo siga igual na Malata, coa capitá Gala Mestres brindando unha tripla marca da casa na primeira posesión. No entanto, o IDK pronto deixou patente que as súas oportunidades non ían caer en saco roto (6-9) e que Ivonne Ejim tiña ganas de festa.

Con Joiner e Mestres abalanzándose sobre o balón nun rebote ofensivo, quedaba claro que a garra seguía intacta nas filas de Lino López, que o parou cun parcial desfavorable de 8-15.

Con Joris e Sánchez Ramos en pista aumentou centímetros un cadro local á espera dos seus dous pivotes. O luminoso empinaba o primeiro compromiso do curso para as locais cando Ine Joris recibía a súa primeira ovación na Malata tras un gran triplo para porlle o broche ao primeiro cuarto (19-29).

Joiner inspirouse no inicio do segundo cuarto, pero Ejim seguía marcando diferenzas no poste baixo para o cadro vasco. A festa na bancada reactivábaa un tiro de tres da canteirá Elena Baldonedo, que se animou e ofreceu outra canastra máis para deleite da marea azul e rosa. Case sen darse conta, o Baxi recortara distancias e estaba xa a só catro do IDK e nun deixábao Joris (41-42).

 Contaxiábase o speaker Javier Masaguer da enerxía do momento e o seu berro de «Isto é Ferrol» atronaba na Malata. As dúbidas de primeiro día de Karla Erjavec resolvíaas Ine Joris coa practicidad dun triplo limpo e a cousa animábase á falta de segundos para o descanso (44-46).

 Que aguanten as pernas

Vinte minutos por diante e as pernas, con menos dunha semana de adestramentos, como principal rival das ferrolás. Volvía Baldonedo a demostrar que non lle queima o balón, cunha gran canastra, e recollía a luva Millán nunha transición rápida. 

Triplazo de Gala, que fixo de moza para todo para achicar auga e suplir carencias, cun IDK que se resistía a verse por baixo (51-56). Tras unha serie de erros que evitaron un xiro de temón, volveu tirar de tempo morto como analxésico Lino López. Con todo, escapaban de doce puntos as vascas e volvía tocar arar moitísimo ao cadro local.

 E na decena de desvantaxe movíase a cousa nas últimas rabexadas do terceiro cuarto cando o aro lle negaba a Joiner a recortada desde o tiro exterior (55-65). Aínda houbo unha última arrancada por parte das de Lino López no último acto, con ánimo de demostrar que hai boas vimbias para confeccionar o cesto pero hai que darlle marxe ao comandante Lino López para modelar o material.

 FICHA TÉCNICA

 BAXI FERROL: 69

Mestres (14), Joiner (9), Millán (10), Begoña De Santiago (1) e Baldonedo (7) no quinteto inicial. Tamén xogaron: Joris (13), Somorrostro, Sotolová (4), Erjavec (2), Sánchez-Ramos (9).

 IDK: 84

María (12), Roso Buch, (11) Lara González (3), Robinson (14) e Ejim (18) no quinteto inicial. Tamén xogaron: Itziar (5), Murua, (7) Jump (5) e Faye (9).

PARCIAIS NOS CUARTOS: 19-29, 25-17 (44-46); 11-19, 14-9 (69-84)

ÁRBITROS: Laura Piñeiro, Jaime Álvarez e Adrián Álvarez. Trofeo Cidade de Ferrol na Malata ante 1.279 espectadores . 19 persoais ao Baxi e 20 ás visitantes.