Roi Fernández, remeiro de Cabo da Cruz: «Temos un equipo novo e podemos mellorar con respecto a outras regatas»

Francisco Brea
Fran Brea RIBEIRA / LA VOZ

DEPORTES

Fernández é xuvenil de segundo ano e foi campión de España de bateis no mes de abril.
Fernández é xuvenil de segundo ano e foi campión de España de bateis no mes de abril. MARCOS CREO

O boirense é un fixo na traiñeira da liga galega e xa debutou na Eusko Label

16 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A Liga Galega de Traiñeiras recalará este domingo en Cabo de Cruz. Tanto as tripulacións femininas como as masculinas remarán en augas boirenses, a partir das 11.30 e das 12.00 respectivamente, buscando novos puntos para alcanzar os seus obxectivos. O Club de Remo Cabo da Cruz actuará como anfitrión nun ano no que está inmerso nunha profunda renovación. Bo exemplo diso é a idade media dos seus equipos e un claro expoñente e Roi Fernández (Boiro, 2007), xuvenil de segundo ano que é un fixo na embarcación da liga galega e que xa debutou na Eusko Label.

—Como foi a primeira toma de contacto co remo?

—Empecei cando era infantil de segundo ano. Antes practicara natación e atletismo, pero nunca me chamaron tanto como o remo. Metinme con 13 anos e xa fun máis constante.

—Que foi o que lle acabou de enganchar a este deporte?

—Acolléronme moi ben e dixéronme que era bo para remar. Non coñecía case a ninguén e foi todo xenial cos compañeiros. Xa no meu primeiro ano fun titular no batel e iso fixo que puidera mellorar e desfrutar.

—E, ademais, logrando éxitos.

—Pois si. Este foi o primeiro ano no que conseguimos o ouro no campionato de España de bateis. Fomos progresando, porque primeiro non iamos moi ben no territorial, logo xa pasamos e competimos no galego e en cadetes levamos un bronce no nacional. Foi o froito de moito traballo, paso a paso chegaron os resultados. Iso da ganas de competir e ir a máis cada ano.

—Agora xa metido de cheo na traiñeira, que tal a experiencia?

—Este é o meu segundo ano e teño dobre ficha. O anterior xa a tivo un compañeiro e neste tocoume a min.

—Así chegou o seu debut na Liga Eusko Label, sería un bo día.

—Debutei en Lequeitio e logo remei tamén na regata da casa. Estou orgulloso, aínda que no País Vasco estaba algo nervioso, o normal. É un campo difícil para debutar. Pero tanto o adestrador como os compañeiros confiaron en min e no mar desfrutei moito. Encantoume a experiencia.

—E na competición galega, como está Cabo da Cruz?

—Temos un equipo moi novo e creo que na casa podemos mellorar con respecto a outras regatas. Hai rapaces cun ano menos que eu e vese bastante progreso. A ver como nos movemos na casa, que remar diante dos teus sempre é unha motivación extra.

—Está a ser un ano complicado no que se refire á traiñeira.

—Si, é un momento difícil. Eu confío en que o progreso que eu tiven o teña máis xente. No equipo da Eusko Label hai moitos remeiros que están vivindo o seu primeiro ano nesa liga. Creo que aínda que baixen seguirán aquí coas mesmas ganas.

—Cal é o voso obxectivo a esta altura da temporada?

—Aguantar e gozar do que queda por diante, que quen sabe o que pasará no próximo ano.

—No que respecta á liga galega, como a ve cando xa encara o tramo final da mesma.

—Está claro que Chapela-Wofco anda forte e por iso está no máis alto. Meira e Bueu foron perdendo remeiros. Nós estamos pelexando con Cesantes-Rodavigo e ao principio non estabamos ao seu nivel, pero logo xa collemos esas ganas de competir.

—Como leva pasar o verán competindo coa súa idade?

—É certo que na nosa idade o que queremos no verán é pasalo ben. Pero penso que estou aquí en vez de estar de festa ou na praia e podo competir contra xente máis experimentada e verme na televisión. O ano pasado custoume máis, pero este paso sen praia e sen festa. Desfruto adestrando e remando.

—Entón, a súa intención é seguir na traiñeira nos vindeiros anos?

—Teño pensado seguir practicando este deporte. Haberá que ver que deparan os estudios e o futuro en xeral, pero esa é a miña intención.

Chapela-Wofco, a achegarse máis a levantar ambos títulos

Coa Liga A e a Feminina chegando ao seu fin, Chapela-Wofco pode dar un paso máis para achegarse a ambos títulos, xa que o club de Redondela lidera con autoridade en ambas clasificacións. No que respecta á masculina, ten nove puntos de vantaxe sobre Tirán-Pereira cando en xogo hai 33. Tan só nunha ocasión, a primeira fin de semana de agosto xustamente en Redondela, a tripulación de Moaña foi capaz de impoñerse, e con solvencia, no que vai de competición. O resto de regatas foron dominadas por Chapela-Wofco con man de ferro.

Por iso parece que a loita vai ser pola segunda posición, xa que Tirán-Pereira tan só ten tres puntos de marxe sobre Samertolameu-Oversa, que está no terceiro posto, con xa 16 de colchón sobre Bueu-Simei. Na zona baixa, Cabo da Cruz é décimo con 13 e Cesantes-Rodavigo pecha a táboa con 11.

Máis axustadas están as cousas na Liga Feminina, porque a tripulación de Redondela é líder, pero neste caso con só cinco puntos máis que Tirán-Pereira. Nesta categorías as de Moaña lograron levarse dúas bandeiras, aínda que tamén é certo que na última proba, en Redondela, pincharon ao caer á cuarta praza.

Lonxe está na terceira posición Amegrove, a 20 puntos de Chapela-Wofco. Iso si, tampouco pode relaxarse de aquí ao final da liga se quere manter ese posto, porque as remeiras de Cabo da Cruz veñen con forza no cuarto lugar e recortaron a diferenza con Amegrove ata deixala en cinco puntos. Remando mañá na casa, as de Boiro intentarán dar o mellor de si mesmas para meterlle outro bocado máis, sen esquecer que Mecos é quinta a unicamente tres puntos das barbancesas.

Moito en xogo no peirao de Cabo de Cruz, onde se prevé un bo espectáculo.