
O Barcelona sempre soubo coidar a súa identidade, presumindo de ser «més que un club» e de «valors»: respecto, ambición, traballo en equipo, esforzo e humildade. Pero ultimamente non se preocupa daquilo de que «a muller do César non só debe selo, senón parecelo».
Admitindo todos os puntos de vista sobre os pagos a Enríquez Negreira, cando formaba parte do Comité Técnico de Árbitros, desde a perspectiva da ética non hai moito que debater. Quedan lonxe os tempos nos cales Unicef lucía na indumentaria dunha entidade que acaba de acadar un acordo coa República Democrática do Congo. O contraste non necesita explicación. A Ter Stegen non só lle mostran a porta de saída senón que só falta que o empurren. Son exemplos nos que os valores están rifados co decoro.
Por contra, o bo traballo de canteira nA Masía semella estar por amais das circunstancias. É unha das factorías que produce máis xogadores de calidade e de xeito máis continuado. Porque pode haber algún punto de fortuna en irrupcións extraordinarias como as de Messi ou Laminar Yamal, pero hai moito máis. A pasada campaña, moi difícil de afrontar, Flick deu coa tecla desde o banco e atopou futbolistas e solucións na base para todas as liñas. Todos os futbolistas que tiveron as súas oportunidades no primeiro equipo responderon.
Esa extraordinaria marcha deportiva axudou ao Barcelona a atenuar a resonancia dos seus vaivéns para reconducir o contexto económico no que lle toca desenvolverse. Pero a súa imaxe perdeu parte do misticismo, máis aló da identificación ou non coas cores. E tamén é certo que, a pesar de todos os pesares e de que lle está tocando navegar en augas moi axitadas, o club está a saber sortear con éxito moitas tormentas e segue en primeira liña.