
Dous millóns de persoas están a seguir á nosa selección na Eurocopa. Dato cuantitativo non rebatible ante o crecemento do fútbol na súa categoría feminina. Alexia Putellas comenta que «será que temos moita familia», respondendo con sorna a eses do «pois agora che vai a ver a túa familia» que se van quedando desfasados nas súas mentalidades machistas. Grazas Alexia, toca placar a estes. Alegrámonos de ver este millonario seguimento pois o nivel desta Euro está a ser brutal. Quen gusta do fútbol non pode deixar pasar a ocasión de ver estes grandes encontros. Recomendable totalmente tamén para os citados cegos do fútbol de mulleres; ningúns se van a caer da guindeira se ven a final do domingo contra Inglaterra.
Debemos agradecer a estas xeracións de futbolistas o gran legado que están a deixar para a evolución do seu deporte, logrando fitos e plantando cara nas súas reivindicacións laborais. Elas tiñan razón cando esixiron á Federación máis profesionalidade nos corpos técnicos da selección feminina; un mínimo diría eu. Á vista está que elas responden con fartura a un tratamento xusto, e que o xusto é que non teñan que pensar en máis nada que no xogo como fan nas outras categorías nacionais. E para mostra, un botón: Aitana Bonmatí e Cata Coll comezaron a concentración en hospital e enfermería, respectivamente, e foron as heroínas da semifinal contra Alemaña tras recuperarse grazas á coordinación dese staff profesional nas súas diversas áreas técnicas, e á súa forza de vontade, por suposto.
Aitana, a mellor do mundo, pateou o golazo da vitoria na prórroga, polo oco que deixaba a porteira, que viña de ser estudado cos analistas de vídeo. Cata Coll estirouse e moveu ágilmente en varios paradones para salvar goles xa cantados, sobre todo nesa acción a un minuto de chegar a prorrógaa que nos deixaría fóra.
Agardamos esta final da competición continental con moitas ansias de seguir vendo o xogo dominante de España, campioa do mundo. De ver sorrir a esas que tiveron que loitar para que agora lles dean a razón. Pero non podemos rematar sen lembrar a nosa Vero Boquete, ou a Jenni Hermoso, quen, en diferentes etapas, quedaron polo camiño de ser convocadas á conta de converterse en altofalantes por melloras nun futuro que agora xa é presente. Orgullosas de vós tamén.