O santiagués Diego López destaca co Picusa no Tour júnior

La Voz

DEPORTES

PICUSA ACADEMY

O galego do equipo de Porriño foi oitavo na primeira etapa e concluíu a proba no posto 43.º

15 jul 2025 . Actualizado á 16:01 h.

De aprobado alto, case notable, pode cualificarse o debut do equipo galego Picusa no Ain Bugey Valromey, proba coñecida como o Tour júnior. O seu concurso supuxo para os seus corredores a oportunidade de medirse en territorio francés cos mellores xuvenís do planeta.

Compartindo pelotón con formacións vinculadas a equipos World Team como Decathlon AG2R A Mondiale, EF Education e Groupama-FDJ, dous pupilos de Djamel Avendaño relacionáronse cos ciclistas máis fortes da carreira na primeira das cinco etapas. O santiagués Diego López obtivo a oitava praza o pasado xoves na localidade de Morestel e no mesmo grupo dunhas 40 unidades rematou o surafricano Carter Barnes.

O ciclista galego volveu ofrecer un destacado rendemento na cuarta xornada e un percorrido de media montaña con chegada en Belley completouno no pelotón da camisola amarela, o danés Noah Møller. O compostelán López ocuparía finalmente a 43.ª na xenerala tras unha última etapa pola rexión de Auvergne-Rhône-Alpes na que acadou a meta situada en Yenne xunto ao seu compañeiro Enrique Maranchón.

O Picusa Academy de Porriño e o MMR asturiano foron os dous únicos representantes españois na 38.ª desta carreira.