
O xogador norteamericano aterra na cidade herculina como vixente campión da Primeira FEB con San Pablo Burgos
14 jul 2025 . Actualizado á 18:48 h.Joseph Joe Robert Cremo (Scotia, Nova York, Estados Unidos, 5 de novembro de 1996; 193 centímetros de estatura) é a nova incorporación para o posto de escolta do Leyma Coruña na tempada 2025-26. O xogador norteamericano disputou a última tempada en San Pablo Burgos, logrando o título de campión de Primeira FEB e o consecuente ascenso a Liga Endesa.
Joe comezou o seu periplo baloncestístico no Albany Great Danes da NCAA, onde estivo tres tempadas, da 2015-16 á 2017-18. Os bos rexistros logrados chamaron a atención de Villanova Wildcats, disputando alí o seu último ano universitario. Tras o seu paso pola facultade, na tempada 2019-20 recalou na G-League, a liga de desenvolvemento da NBA, concretamente nos Long Island Nets.
Despois dunha campaña alí, puxo rumbo ao noso país, onde se incorporou ás filas do Zornotza de LEB Prata na tempada 2021-22. A súa grande actuación no conxunto vasco permitiu asinar por Tizona Burgos, onde estivo as dúas tempadas seguintes, acadando na primeira o ascenso a LEB Oro.
Este último curso disputouno en San Pablo Burgos, co que conseguiu o campionato de Primeira FEB e o ascenso á liga Endesa, promediando 9.2 puntos, 2.8 rebotes e 2.0 asistencias.
Joe é un escolta que tamén pode ocupar a posición de aleiro. Ofensivamente é un bo manejador nas situacións do bloqueo directo, cunhas porcentaxes de tiro moi bos tanto de dous como de tres, e atópase cómodo xogando no poste baixo en situacións de superioridade.