A maternidade de Ana Peleteiro e o falar sen saber

Antía S. Aguado TINTA MORADA

DEPORTES

Robin van Lonkhuijsen | EFE

06 jul 2025 . Actualizado á 18:52 h.

Require de moita valentía competir na elite do deporte e ser nai. E máis por partida dobre. Ana Peleteiro anunciou este domingo que agarda o seu segundo fillo. Aínda que sucedeu «moito antes do que agardabamos», o certo é que o parón competitivo chega no ano postolímpico. Seguramente se perderá o Mundial de Tokio de setembro. Do mesmo xeito que sucedeu co pasado Campionato Europeo por países.

«Causas de forza maior», alegou Ana. Moitos dixeron entón que non acudía por medo a unha actuación discreta. Outros que a súa ausencia parecía non ter unha xustificación de peso, de gravidade. Outros insinuaban que a galega fai sempre o que lle dá a gana e que a federación llo permite. Falan sen saber. E que casualidade que moitos deles volveron a abrir a boca para porlle fin á súa carreira —como fixeron co seu primeiro embarazo—. Comentarios que a retiran, posiblemente, antes de tempo. A maior parte desas persoas gardan unha similitude: ser homes.

Lúa, a súa primeira filla, naceu en decembro do 2022. Ana demostrou unha capacidade de recuperación e un nivel físico «excepcional» durante aquel embarazo. Non o digo eu. Dio Crys Díaz, a adestradora que a acompañou paso a paso durante todo o proceso. Só 28 días despois de dar a luz volveu porse as mallas; seis semanas despois da cesárea xa corría nunha cinta; e 14 meses despois volvía á competición.

Só Ana sabe ata onde aguantar. Só ela sabe ata onde o seu corpo permitirá chegar. Só ela sabe os sacrificios que fai, e que seguirá facendo. Non só deportivos, senón tamén sociais. Grazas a ela e a outras deportistas normalizouse unha realidade tan sinxela como a de ser nais. A maternidade non cambiou o seu camiño cara ao éxito. Hai unha vida despois dela. E, si, tamén deportiva. Deixémoslle a Ana intentalo e, por unha vez, non falemos sen saber.