
Unha lesión de cruzado frustrou o paso polo Tenerife dun futbolista que chega do Ibarra
04 jul 2025 . Actualizado á 19:00 h.Xa son seis os reforzos que conta o Viveiro para compor o bloque ao que Luchi Salgueiro tratará de levar a bo porto na Terceira Federación. O último, polo momento, en comprometerse co club mariñán é un dos mellores goleadores que deu o fútbol canario nos últimos anos: Sergio Alejandro Carbajal Tonini (Santa Cruz de Tenerife, 2002).
Procedente do Ibarra, o mozo futbolista intenta dar un novo impulso á súa carreira. Unha grave lesión de cruzado frustrou a súa aventura no filial do Tenerife, ao que seduciu con 36 dianas co Buzanada en Preferente durante a campaña 2022-23. Tamén defendeu a camiseta dAs Zocas e tivo un paso efémero polo fútbol polaco.
Carbajal súmase na lista de altas aos tamén atacantes Jorge Insua e Yago Cruña, o porteiro Hugo Parra, o central Jacobo Folgar e o lateral destro Lautaro Garelli. Ademais, renovaron xa o seu compromiso co Viveiro Rolle, Arturo, Xoel Rodríguez, Álex Esquerdeiro, Carlos Teixeira, Peli e Víctor Fernández.