
O adestrador salmantino, que tiña contrato coa entidade mariñá, porase a cargo do Castro tras gañar 21 títulos
04 jul 2025 . Actualizado á 14:54 h.O CD Burela FS fixo oficial este venres a marcha «de común acordo» de Julio Delgado, o que foi o seu adestrador durante unha década na que conquistou 21 títulos e foi elixido en dúas ocasións o mellor club feminino do mundo nos Futsal Planet Awards. Aínda que tiña contrato co equipo do Vista Alegre, o salmantino acordou a súa saída e nos próximos días será anunciado como novo responsable do veciño Castro Bloques Cando, rival das mariñás na Primeira Iberdrola.
Coa súa saída consúmase o peche dunha das maiores hexemonías na historia do deporte español. Antes que el, comunicaron a súa marcha do club Antía Pérez, Caridad García e Patricia Ortega, coas que coincidirá no Castro; Débora Lavrador, Carolina Pedreira e Noelia Montoro, que reforzaron ao Poio; Dany Domingos e Cami Gadeia, novas xogadoras do LBTL Alcantarilla; Irene Samper, recentemente anunciada polo Melilla Torreblanca; así como Dinha, Cilene e a mellor futbolista do mundo, Emilly Marcondes.
«De común acordo entre o club e Julio Delgado, sepáranse os camiños de ambos», reza o comunicado publicado polo Burela. Destacan os 21 títulos logrados na entidade, «brillantes páxinas que quedarán para sempre na historia do club»: «Cinco Ligas (15/16, 19/20, 20/21, 22/23 e 23/24), seis Copas da Raíña (2019, 2020, 2021, 2022, 2023 e 2025), cinco Supercopas (2015, 2019, 2021, 2023 e 2024), catro Copas de Galicia (2019, 2021, 2023 e 2025) e unha Recopa oficiosa (2019)».
«A entidade deséxalle ao adestrador a mellor da sortes na súa nova etapa deportiva, facendo constar que esta será sempre a casa de Julio, como o foi durante tantos anos, como xogador e como adestrador ao que lle agradecemos todo o seu traballo e éxitos logrados nesta última etapa», remataron.