
En lugar de disputarse o vindeiro venres e domingo, como aínda aparece na web da federación, xogarán o sábado e o luns
08 jun 2025 . Actualizado á 17:12 h.Novo cambio nos partidos do play-off polo título da OK Liga. Unha vez decidido o emparellamento entre o Barcelona e o conxunto coruñés, cos dous primeiros duelos, dos cinco posibles a disputar, no Palau Blaugrana, nas últimas horas coñeceuse que se variou as datas destes.
En semifinais, e todos os anos tamén na final, os partidos disputábanse o venres e o domingo, tendo o terceiro e cuarto os mesmos días. O martes seguinte quedaría reservado para o quinto e definitivo.
Pero nesta ocasión, segundo alegáronlle ao Liceo no momento de comunicarllo por esixencias da televisión, os partidos disputaranse o sábado e o luns, ás 20.15 e 20.30, respectivamente. Curiosamente, na web oficial da Federación Española de Patinaxe, aínda aparece que xogan o venres e o domingo.
Unha decisión que non sentou moi ben á escuadra coruñesa, pois tras o segundo duelo, a expedición terá que pernoitar en Barcelona e perdería un día de adestramento para preparar o terceiro partido que, de momento, mantense para o venres 20 ás oito e media, mentres que o cuarto sería o domingo, en horario aínda por determinar. «É que co Barcelona sempre pasa igual. Teñen o apoio da televisión catalá e ao final conseguen o que queren», aseguran con indignación desde a entidade verdibranca, tamén prexudicada economicamente pola modificación.