

























































































O circuíto Coruña Corre chega ao parón estival cunha carreira de vertixe polo cambio de escenario, que completaron 798 atletas absolutos
01 jun 2025 . Actualizado á 16:59 h.O circuíto de carreiras populares Coruña Corre chegou ao parón estival coa celebración da proba dos Rosales, cuarta cita puntuable da competición, que agora se detén ata o 14 de setembro (Volta a Oza). Pablo Bocelo e Vanessa Hervada foron os grandes triunfadores na proba celebrada este domingo, nunhas condicións perfectas para o deporte (nubrado e sen vento nin choiva) e cun cambio de percorrido. A saída e a meta trasladouse ao paseo marítimo, á altura do pavillón dos Rosales, e os corredores (salvo a categoría Peques) remataron costa abaixo, en vez o empinado trazado que outrora conducía cara á praza Elíptica.
Carreira absoluta
O regreso triunfal de Pablo Bocelo

Pablo Bocelo competiu esta tempada por primeira vez nunha carreira do circuíto Coruña Corre e fíxoo con vitoria. O gañador da San Silvestre herculina 2023, e doutras populares de prestixio, foi o primeiro en cruzar a liña de meta cun tempo de 19 minutos e 43 segundos, nos que percorreu os 5,9 quilómetros do trazado. Bocelo impúxose a Antón Gómez, que cruzou o paso intermedio da proba en primeira posición (só por dous segundos, pero era líder no km. 3), pero que acusou o feito de chegar máis xusto de forma por unha lesión e conformouse con ser segundo (19:59). Terceiro foi o veterano Juan Pena (20:14), que á súa vez copou parte máis alta do podio de Máster 1.
Os tres corredores que lideraban a xeral, Álvaro Presedo, Nuno Moure e Abdelaziz Fatihi, non competiron nos Rosales; polo que Gómez, que era cuarto, aperta a táboa.
As veteranas mandan; con Hervada á fronte

Na categoría feminina, a experiencia foi un grao. A máis rápida foi Vanessa Hervada cun crono de 25:11; o que ademais lle permitiu subirse todo o máis alto do podio de Máster 1 onda Noelia Souto (25:25) e Yuli Nestsiapovich (26:26), terceira e cuarta en meta. E é que a segunda muller máis veloz nos Rosales foi unha Máster 2 como Alejandra Outeiriño (25:12). A primeira sénior foi Alba Losada (26:38), sexta; xusto por detrás da sub-23 Beatriz López (26:30).
Nin Alba Raso, nin Penélope Martínez nin as irmás Papín Estévez (Inés e Noelia) estiveron presentes, polo que Hervada e Souto puideron recortarlles puntos na xenerala do circuíto.
Sub-18
A remontada de Andrés e o traballo en equipo do Riazor
Na sub-18 masculina, Jaime Devesa dominou boa parte da proba, pero Andrés Gomes remontoulle na última volta (das tres) para levarse o triunfo con 7 segundos de vantaxe (7:10).
Na feminina, o Riazor copou un podio no que Blanca Durán (8;48), Marta Alonso (8:52) e Antía López (9:02) rodaron xuntas ata practicamente o final.
Sub-16
Sen sorpresas: Adrián e Leire impuxeron o seu esprint final
A proba sub-16 volveu confirmar o extraordinario nivel que teñen Adrián Paz (7:29) e Leire García (8:08). E iso que tanto Mateo Bouzón (7:31) como Alba Porto (8:11) levaron ata o límite, pero ambos teñen un final demoledor e costa facerlles fronte nos minutos finais.
Sub-14
A fazaña de Antón Viña: do chan ao ceo
A carreira dos sub-14 comezou accidentada. Antón Viña, un dos favoritos, foise ao chan na saída; pero levantouse con tanto orgullo e ímpeto que ao paso pola primeira volta xa lle sacaba un mundo ao segundo. Gañou con 14 segundos de vantaxe sobre Jorge Rodríguez e 24 a Martín Montero. Tamén deu un recital Carla Ruiz, a primeira moza en cruzar a liña de meta (5:37), que chegou pisándolle os talóns a Montero.
Sub-12
O Sada non ten rival
A carreira sub-12 reflectiu o mesmo escenario de sempre: Nico Amado na cabeza (2:26) e Antonio Sanmartín (2:32) e Mateo Maceiras (2.34) por detrás. Triplete do Sada, unha vez máis, aínda que esta vez non contou coa habitual dominadora feminina (Icía López). A súa ausencia aproveitouna Anne Porto (2:43) para gañar.
Sub-10
Vilela e Díaz brillan
Na última proba competitiva do día, a sub-10, Mateo Vilela gañou con autoridade entre os nenos (2:44) e a escorregadiza Mireia Díaz (2:50) fixo o propio entre as nenas.