Mesquiños contra xuvenís do Dépor

Iván Antelo A CORUÑA

DEPORTES

César Quian

02 jun 2025 . Actualizado á 05:00 h.

«Estamos fodidos». Iso foi o foi primeiro que dixo o capitán Hugo Torres, tras finalizar a semifinal da Copa de Campións xuvenil, na que o Deportivo caeu goleado (2-6), á vez que pedía perdón por utilizar unha palabra malsoante no seu primeiro discurso ante os medios. A expresión en si resumía moi ben o sentir xeral dun equipo que, co paso dos minutos, aínda entrou nunha maior depresión cando eses rapaces de 16, 17 e 18 anos colleron os seus móbiles. «Hai varios rapaces afundidos agora mesmo por todo o que están a ler en redes», comentaba un dos adultos da expedición, horas máis tarde.

Porque si. Hai unha parte mesquiña da sociedade á que lle divirte utilizar X, Facebook e Instagram para verter todo o lixo que levan dentro, sen importarlle que alén haxa rapaces en formación como obxectivos das súas chanzas e feroces críticas. Todo por un puñado de likes. Sen ter en conta que o fútbol xuvenil é aínda de formación, onde é obrigado cometer erros no xogo para logo intentar non repetilos cando sexan profesionais. Fallar, aprender e corrixir. Así se evoluciona.

Eu, aos meus fillos, de seis e dez anos, ensínolles que no fútbol, como na vida, van atopar a outros que son mellores que eles en determinado aspecto, situación ou momento. E que ser conscientes diso é precisamente o motor da súa aprendizaxe. Así que aos rapaces do Dépor explícolles o mesmo. Que ignoren as redes. Que o deportivismo é moito máis amplo e que a maioría comparte a súa pena, pero tamén o orgullo de que lograron estar entre os catro mellores equipos de España en idade xuvenil. O Betis foi mellor, si. E xusto campión. Pero tamén era un equipo máis feito e máis veterano que o seu. Que isto sirva para apertar. Para traballar en ser mellores. Porque hai vida alén das pantallas. E moi bonita.