José Luis Sáez xa é o novo presidente do Burela FS

DEPORTES

Pepa Losada

Recibiu o respaldo firme e unánime de 74 socias e socios na asemblea celebrada este mércores

28 may 2025 . Actualizado á 21:28 h.

O CD Burela FS seguirá latexando decidido a escribir grandes xornadas de fútbol sala. A pesar de as dúbidas xurdidas nos últimos días pola delicada situación económica que incluso podería conducir ao club á liquidación, José Luis Sáez Castro (Monforte de Lemos, 1968) asumiu este mércores a presidencia nunha asemblea no Salón de Conferencias do Concello á que asistiron 74 socias e socios e onde se despediu Manuel Blanco Fanego tras 12 anos ao mando. O antes vicepresidente e xestor decidiu presentarse tras analizar as perspectivas e recibir un respaldo firme e unánime do resto de membros da candidatura.

«Faremos malabares para cadrar as contas. Austeridade, viabilidade e humildade serán os piares do noso proxecto», desvelou o encargado de relevar a Manuel Blanco a cargo dun club que precisa ingresos extras para completar o curso actual. Os dous persoais cobraron recentemente a metade da nómina de marzo e agardan porse ao día co ingreso dunha subvención da Xunta en poucos días e outro compromiso da Deputación de Lugo. «A intermediación e o apoio do Concello foron claves», apunta.

Aínda así, o mes de xuño quedaría pendente para o próximo curso ou a expensas de conseguir novos apoios. De ser denunciados por falta de pagamentos, ademais, a situación podería complicarse ao ter que afrontar a correspondente multa.

«Se as empresas e as institucións cumpren, sairemos adiante», engadiu Sáez, que proxecta un futuro con gastos e ingresos «á baixa». O descenso a Segunda División do cadro masculino reaxustará o presuposto para a próxima tempada nuns 140.000 euros menos, quedándose ao redor de 700.000. Con iso, intentarán rearmar tamén o persoal feminino, que nestes momentos loita polo seu sétimo título de Liga. A capitá Dany Domingos xa anunciou a súa baixa, mentres que na escuadra dirixida por David Rial o gardameta Mika Deón xa se despediu e outros xogadores teñen importantes ofertas.

Xunto a Sáez, tratarán de sacar adiante ao Burela FS Yolanda Álvarez Carro como tesoureira, Rocío Corral Ladra como secretaria e o vocais Auditor Rodríguez Lombardía, Luís Antonio Guillén Menéndez, Iago Pernas Álvarez, María José Otero Cociña, Marcelino Luna Almarza, Juan Antonio López González e Juan José Eiroá Bermúdez. En dez días convocarán unha asemblea.

José Luis Sáez é o cuarto presidente da entidade desde a súa fundación no 2001, con Nilo García á fronte. José Ramón González Casas substituíuno no 2005, antes do ascenso oito anos despois de Manuel Blanco Fanego.