«No baloncesto base non debería haber títulos en xogo, debería dárselle máis importancia ao baloncesto social»

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

DEPORTES

MONICA IRAGO

O coordinador do Club Baloncesto Vilagarcía, Andrés Aragunde, sinala a maior dificultade para traballar cos rapaces logo de desaparecer o xogo nas rúas

25 may 2025 . Actualizado a las 20:56 h.

Nacendo no barrio dos Duráns nos anos nos que o fixo, Andrés Aragunde Abollo (Vilagarcía de Arousa, 28 de novembro de 1969) tiña todas as papeletas de acabar xogando ao baloncesto. Detrás da impoñente fachada do Liceo Marítimo que o alcalde de turno deu por bo demoler décadas despois, erguíase o daquela mellor pavillón da capital arousá. Un caramelo a tan só uns metros da casa. E alí, ben cativo, sendo inda benxamín, comezou Andrés o seu baile cun balón na man e, moi pronto, cunha pizarra na outra, do que segue sen se cansar. «Unha vida vinculada ao baloncesto. E non me arrepinto», di quen hoxe é adestrador e coordinador do Club Baloncesto Vilagarcía, unha das dúas grandes escolas de formación dun dos pobos de Galicia máis ligados historicamente ao deporte da canastra.

A sección correspondente do hoxe desaparecido Liceo Marítimo era daquela o máximo referente do baloncesto na localidade arousá. Nela, Aragunde xogou en todas as categorías base. Pero xa xuvenil «empezaba a ver o baloncesto doutra forma. Quedaba a mirar os adestramentos doutros equipos. No meu último ano de xuvenil xa tiña tomada a decisión de deixar de xogar e adestrar, porque tivera varias lesións, e porque me gustaba a dirección de equipos», conta aquel breve base miúdo e rápido.

Aproveitou Aragunde a primeira oportunidade que se lle presentou, un curso básico organizado en Vilagarcía pola Federación Galega de Baloncesto en colaboración co Liceo Marítimo. E en cinco anos volvía de Zaragoza co título que o habilitaba para adestrar ata na ACB, e a experiencia de ter visto, en 1992, un Preolímpico na capital maña.

Con estes piares, Andrés construíu unha traxectoria de máis de 30 anos da que afirma estar moi contento, e que abrangue todos os clubs de Vilagarcía e o Xuven de Cambados. Neste último viviu a súa única experiencia nun banco sénior masculino. Logo de ter dirixido o filial e de exercer de segundo de Miguel Ángel Ortega no Cortegada na máxima categoría do baloncesto feminino, Aragunde conseguiu o primeiro ascenso do Xuven á Liga EBA, para non rematar a tempada, destituído polos malos resultados e pagando a novatada. «Foi unha experiencia importante, pero a min sempre me tirou o baloncesto formativo. A miña ambición non era chegar ao baloncesto semiprofesional, senón a formación», subliña engadindo: «Tiven moitas ofertas de fóra de Vilagarcía, pero a min gústame traballar con xente que coñezo e coa que me sinto cómodo». E o seu breve paso pola cúspide do Cortegada e do Xuven non fixo máis ca confirmar o que xa sabía de si mesmo. Tamén, que «o baloncesto en Arousa estaba vivindo —a finais dos 90 e nos inicios dos 2000— por riba das súas posibilidades. Non lle vía moito futuro e agora vese claramente o que foi e o que está sendo. A maioría dos clubs vese como remataron, e estánse a reinventar».

Bascular cara o deporte social

Cantos títulos loce Aragunde no seu currículo? «Moitos. Pero non quero entrar a valorar iso. Os títulos non supoñen nada», espeta. E a partir de aquí, o vilagarcián desprega unha contundente defensa da necesidade de darlle un xiro de 180 graos á concepción do traballo na base. «No baloncesto formativo non debera haber títulos. Si debería traballar en facer equipos e xogadores competitivos, que acaden o nivel máximo que poidan, e na categoría xuvenil podes ver as cousas doutra forma, pero porque os xogadores o van pedindo como un obxectivo do grupo». Unha reflexión que completa co que considera preciso facer: «Debería dárselle máis importancia ao baloncesto social. Non pode ser que a tantos xogadores, cando rematan de xuvenís, non se lles dea a oportunidade de seguir, xogando porque non todos van chegar a profesionais ou semiprofesionais. Non pode ser que para montar un equipo se teña que gastar un pastizal» nas categorías inferiores.

Como formador, Andrés di que as cousas se complicaron. «O problema é que os rapaces agora non xogan na rúa, e iso nótase. Antes os rapaces xogaban na rúa, e iso axudábache como adestrador, porque eran moito máis rápidos á hora de asimilar os conceptos. Para o mesmo traballo que antes conseguías nunha hora, hoxe precisas dous días. Máis aló do baloncesto profesional, agora ves xogadores moi altos e atléticos, pero a técnica baixou moito».

Dez anos atrás, tras ser partícipe da fusión entre as canteiras do xa Liceo Casino, do que era coordinador, e do BBC, Andrés tiña previsto tomarse un tempo de descanso. Pero entón recibiu a chamada de Alberto Blanco, de Mariola Sánchez e de Helena Mariño, á que coñecera na súa etapa de xogadora do Cortegada estando el de segundo de Ortega. Bos amigos, deses cuxas chamadas o foron movendo dun banco a outro sen saír nunca da comarca. Darlle o si ao C.B. Vilagarcía foi unha das mellores decisións da súa carreira. «O Cebé é un club diferente. É unha gran familia na que todo o mundo achega cousas. Mentres noutros clubs se reúnen nunha sede, nós facémolo na casa de Alberto e de Mariola, todos, e todos participando das decisións», explica.

O pasamento de Helena Mariño no ano 2020 foi un duro golpe para todos. Tamén para Andrés. El colleu o seu testemuño na coordinación. O traballo de ambos os dous e de todos cantos integran o Cebé permitiu consolidar un club de canteira, con equipos en todas as categorías agás a xuvenil. A semana pasada, coa alegría de ver o sénior feminino coroar a constancia e a ilusión dun grupo de amigas moi novas co ascenso á Primeira Autonómica. «Son fantásticas», di Andrés, a quen estas rapazas que dirixira a tempada anterior lle recordaron o moito que lle ten dado o baloncesto: «Aprendín a ser mellor persoa, a comunicar de diferente forma» e o agasallo de «moitos amigos».