
A galega métese na final do Europeo baixo teito cun brinco de 14,14 metros
07 mar 2025 . Actualizado á 11:24 h.Ana Peleteiro superou o trámite da cualificación no Campionato de Europa baixo teito ao segundo intento cun salto de 14,14 metros e mañá estará na final do triplo salto con serias opcións de darlle unha medalla á delegación española. A triplista galega confirmou que mantén o bo momento de forma que exhibiu dúas semanas atrás en Gallur cando gañou o Campionato de España.
No primeiro intento a de Ribeira quedouse preto dos 14 metros requiridos, en concreto saltou 13,92. A galega estivo concentrada en todo momento, moi seria e só sorriu cando pediu a complicidade do público cando ía realizar o seu primeiro salto, que foi bo pero que lle deixou ás portas de aforrarse un salto máis. Peleteiro acabou a primeira rolda en terceira posición.
No segundo brinco, todo quedou visto para sentenza. Ana Peleteiro atacou o corredor con decisión e foise ata os 14,14 metros para certificar o pase. Levantouse, mirou o seu adestrador e marido, Benjamín Compaoré, e marchou ao hotel para gardar todas as súas forzas para a cita definitiva.
Ana Peleteiro, que leva un pleno de 16 cualificación superadas noutras tantas grandes citas internacionais ao longo da súa carreira, afrontará mañá desde as 18.50 horas a final do triplo salto en busca do seu segundo título de campioa de Europa despois de subir todo o máis alto do podio no ano 2019 en Glasgow. Sería a súa terceira medalla nunha cita continental baixo teito e a oitava a nivel internacional.