Cinfo revoluciona a emisión deportiva en Galicia con intelixencia artificial

La Voz

DEPORTES

CESAR QUIAN

A firma estreará a mediados de novembro unha plataforma de streaming que retransmitirá eventos de forma gratuíta cunha tecnoloxía punteira

24 oct 2024 . Actualizado á 10:11 h.

«Imos partir con 120 clubs e uns 136.000 federados», explica Antonio do Corral, o CEO de Cinfo, a empresa promotora da nova plataforma do deporte galego, que verá a luz para mediados de novembro, e que suporá non só un incremento da oferta audiovisual no deporte galego, cun centenar de partidos cada fin de semana, senón unha revolución tecnolóxica nas retransmisións. «En cada campo garantimos polo menos tres cámaras, unha panorámica, unha de enfoque e unha de marcador que se manexan a través de intelixencia artificial. Imos dotar aos árbitros de reloxos intelixentes, de forma que a acta sexa dixital e en directo, o que permitirá que chegue á produción audiovisual ao instante. Por exemplo, se o árbitro amoesta, márcao no seu reloxo e automaticamente xérase o cartón na pantalla. O mesmo cos cambios», explica Do Corral.

«A Federación Galega de Fútbol implicouse moito connosco e involucrou no proxecto a ligas completas. Desde a Preferente, que emitiremos íntegra, ata xuvenís. Fóra do fútbol, hai corenta clubs de diferentes disciplinas xa comprometidos. Emitiremos partidos autonómicos de balonmán, baloncesto, voleibol e hóckey». O servizo vai ser gratuíto para clubs e afeccionados. «Queremos financiarnos a través da publicidade, de grandes anunciantes e pequenos, que poidan ter protagonismo no partido do club da súa localidade. Queremos facelo rendible e repartir o 50% de beneficios cos clubs, que tamén serán os grandes beneficiados», sostén Do Corral.

Máis dun millón en investimento

Ademais das emisións en directo, a plataforma contará con servizo de contidos a demanda no que poderá verse os encontros en diferido ou os resumos coas mellores xogadas. «Do directo ao diferido pasarase en só dez minutos», mantén Do Corral. A plataforma contará cunha aplicación para todo tipo de dispositivos, tanto Android, IOS, como en televisión para calquera Smart TV. «Nos partidos máis interesantes haberá locutores. Terémolos profesionais, en formación, e afeccionados, facilitados polos propios clubs», din en Cinfo.

O desenvolvemento do proxecto cífrase nun investimento de 1,1 millóns de euros, aos que haberá que sumar 250.000 euros anuais de gasto en producións. «Gustaríanos colaborar coa TVG, que ten os dereitos da Segundo e Terceira Federación, pero non emite todos os partidos polo gasto que lles supón», sinala Do Corral.